Os festivais nacen no país como os cogomelos este verán de chuva. Medran os bos, os regulares e os malos. Os que apostan pola cultura e a música do país, os que lle fan un oco testemuñal e os que refugan todo o que cheire a galego. Si, estes últimos son os que levan os cartos públicos para traeren bandas de fóra e nos que incluso nos permiten o luxo de falarmos galego cos camareiros. Eses mesmos camareiros e camareiras que fan xornadas de escravo a 7 euros a hora, sen parar nin para ir ao baño neses festivais de nomes rimbombantes. Mais non vos queremos falar diso. Non tal. De cando en vez, presta voltar onde comezou todo. Presta volver a Pardiñas.

Xunto con Moeche e Zas, Pardiñas marca a tríada de festivais que este ano chegaron á 40ª edición. Lonxe dos vaivéns de modas, xacobeos ou agadics, Xermolos leva turrado moito para sacar adiante este festival ano tras ano. Facendo de todo, mesmo pondo unha caseta para cobrar entrada voluntaria no medio da carballeira o ano que a Xunta argallou dar subvencións públicas só aos festivais que cobrasen entrada, nunha clara manobra para deixar fóra do paraugas institucional as asociacións e a cultura popular. Precisamente elas, as que foran creando a marca festivaleira galega a base de traballo colaborativo durante anos.

O abarrote festivaleiro do verán galego fixo que a pesar de termos Pardiñas marcado no calendario para este ano, ao final só puidésemos ir na xornada do domingo. Despois de nos instalarmos nunha das veigas que a veciñanza cede para tendas e furgos durante o festival, fomos dar unha voltiña polo festival. Polos postos de artesanía, pola mostra de instrumentos tradicionais, etc. Pasear por Pardiñas unha tarde de festival implica enganchar en mil e unha silveira: amigas e amigos que hai tempo que non ves, rodas de baile, malabares, postos de xantar,... todo convida a parar, a falar, a se deleitar cos sons, cos arrecendo e coas cores.

Despois dunha cea lixeira, tocou aproar cara o campo da festa. Os Carunchos comezaran con puntualidade británica, así que só puidemos ver medio concerto. E o que miramos e o que esperabamos mirar: unha banda que sabe conxugar coma ninguén tradición e troula. Coa noite aínda por chegar, os das terras de Turonio souberon acender os primeiros bailes da xornada entre o público.



Da que remataron Os Carunchos, o escenario foi tomado polo espectáculo senlleiro desta 40ª edición de Pardiñas, Cantando as corenta. Baixo a batuta do saxofonista Richi Casás, quen xa tocara cos Papaqueixos aló hai anos, unha banda de 11 músicos e diversas colaboracións foi dando un repaso exhaustivo aos 40 anos de festival. Ou o que vén sendo o mesmo, á historia da música de noso das últimas 4 décadas. Antón Reixa, Susana Seivane, Os Papaqueixos, Xurxo Souto, Kevin Wetherhill,...a sucesión de artistas, de cancións levou o público polo aire durante bastante máis de 2 horas.



E despois? Despois, continou a troula. Viñeron os TT Syndicate co seu funk bailongo desde Portugal e puxeron todo o torreiro a bailar. Ademais, en Pardiñas, como en Vilariño, como en Zas,... non hai DJs. Foi acabar o concertos dos portugueses e xurdiren un feixe de gaitas e demais ferramenta musical para pór animación en Pardiñas até que o sol nos dixo que xa era segunda feira.

VÍDEO: Martín Rodas e Isaac Pazos

TEXTO: S. Murias








Vindeiros concertos

839157800_18348525814268419_3961946061528077243_n.jpg }28 Out 2026
10:00PM -
Banda das Crechas
Casa das Crechas - Santiago de Compostela
703131652_18531464947075076_602153652775660309_n.jpg }30 Out 2026
XXI Castañazo Rock
Chantada
830436858_1724598499675369_1681460389390176096_n.jpg }30 Out 2026
06:00PM -
Pakolas
Biblioteca Municipal - Ordes
825325247_17888000316682326_1337381658359308050_n.jpg }30 Out 2026
10:00PM -
Lacón sin Jrelos + Satenta + Youcanthide
O Adro - Cangas
838628691_18625638427023408_3571421593157765841_n.jpg }31 Out 2026
MJ Pérez
Festival Nortear - Paredes de Coura (Portugal)
703131652_18531464947075076_602153652775660309_n.jpg }30 Out 2026
XXI Castañazo Rock
Chantada
834019469_1673391084349308_4928258834912975478_n.jpg }31 Out 2026
11:00AM -
XVIII Tasca do Liño
A Insua, Vilapedre (Vilalba)
837538440_1059369630054548_7190301210944604087_n.jpg }31 Out 2026
08:00PM -
Polavila en Piornedo
Palloza de Perdigón - Piornedo, Donís (Cervantes)
825286734_122204727008858362_1423312708534363383_n.jpg }31 Out 2026
08:30PM -
Minguante
Piruchela Colectivo - Neda
699560086_954327040817816_7943596673071656514_n.jpg }06 Nov 2026
Fillas de Cassandra
Sala La Riviera - Madrid (España)
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.