17 de agosto. Praia de Vilariño, na aldea do mesmo nome da parroquia do Hío. Milleiros de persoas amoréanse na area ao longo de todo o día. Veraneantes? Turistas? Fosdechinchos? Non tal. Ben, algún habería mais a maioría estaba aló para gozar dunha xornada maratoniana de música e troula argallada pola AC O Gato: a 20ª edición da Festa Folc de Vilariño. E, claro, GZmúsica volveu estar alí.

E coma sempre, a xornada de festa comezou co pasarrúas da Treboada do Ghato pola aldea. O Zé Pereira que a veciñanza arma desde hai anos por mor da festa -e que foi xermolo de Ameaça de Bombo- saíu a media mañá para atroar o fondo da ría de Aldán. A partir de aí, un sinfin de actividades na praia, que se ía enchendo paseniño de familias e grupos de amigos.

A música non parou de soar ao longo do día, e non só por parte das afeccionadas que adoitan ir coa ferramenta para tocar ao longo do día senón tamén polas diversas actividades programadas pola AC O Gato ao abeiro da Mostra de Instrumentos Tradicionais que colle pulo ano tras ano.

Porque a Festa Folc segue a medrar. Non o fai procurando nos grandes nomes atractivos para o público máis novo o xeito de encher, con cantos máis milleiros de persoas mellor, o seu festival. Esta estratexia pode levar un festival a "morrer de éxito". E isto sábeno ben na AC O Gato, que se ten visto desbordada en edicións con máis de 10.000 persoas na praia de Vilariño.

Agora, o festival opta por medrar diversificando a oferta da súa Semana Cultural Marta Entenza, ampliando as actividades diurnas da xornada do festival, na procura de atraer un público familiar que goste da combinación de praia, gastronomía e cultura.

Porén, isto non deixe de ser unha Festa Folc e o prato forte seguen a ser os concertos da noite. Abriu o festival unha banda "pangalaica", con compoñentes das 4 provincias, que é asemade magnífico referente da tradición. Fiandola, por vez primeira en Vilariño, veu presentar o seu novo traballo, 'Cordame', unha presa de temas que ben dan para bailar ao solto e mais o agarrado. [+ INFO: Entrevista na Radio Galega]

Aquí vos queda o remate do seu concerto, 13 minutos que son boa mostra do que foi o concerto dos Fiandola en Vilariño

Despois tocoulle a Luar na Lubre. As "cabezas" do cartaz deron un concerto impecable. Paseo pola ampla e exitosa discografía, un son moi bo. Ollai o vídeo, Chove en Santiago. Perfecto. Porén, despois da troula que foi armando Fiandola e a que prometía Kumpania e Dixebra, o concerto fíxenos parado a algunhas. A xente a gravar cos móbiles, a ollar pasiva o que acontecía no escenario mentres a banda a tocar, con profesionalidade e exquisitez mais cun aquel de cumprir o expediente que toca cubrir cada noite. E na procura das emocións, os xeitos rutineiros non son bos aliados.  

Houbo cambio no escenario, longo e pesado, até perigoso coa ameaza de chuva que pairaba toda a noite sobre o festival mais por fin saíu a Kumpania Algazarra. As bandas do país irmán adoitan ser unha garantía de calidade e festa en Vilariño e os de Sintra non escaparon do guión marcado. Mestría e gana de armar a festa, de mostrar unha proposta que había anos que non mirabamos polo país. A noite avanzaba, a parte do público que fora para sacar o selfie con Luar na Lubre e non gastar nin chica xa marchara e as resistentes deixáronse engaiolar pola proposta lusitana. Música de raíz folk, forte inlfuencia balcánica da man dos ventos e a dose precisa de ska ou música latina para fuxir da monotonía. Do mellor dos últimos anos na praia de Vilariño.

Porén, se había unha banda que moitas agardabamos con expectación en Vilariño este ano era Dixebra. A lendaria banda liderada por Xune Elipe, os Diplomáticos asturianos, a cerna do rock n'asturianu estaba na Festa Folc. Se ben con só Xune da formación orixinal e con 32 anos xa as costas, o que nos facía temer a moitas que o concerto acabase por defraudar, acostumadas como estamos ao revival das momias do que poriamos dar moitos exemplos -non o faremos por non parecer Resentidos-.

Mais a chuva que toda a noita ameazara e pola que parecían chamar coa enorme demora provocada no comezo e final do concerto de Luar na Lubre, parece que "ir de estrelas" e non ser solidarios co resto das bandas tamén vai no pack, rematou por aparecer cando os de Avilés apenas levaban 2 ou 3 temas. Aínda Xune quixo desafiala tamén, rindo do que o seu orbayu -a nosa poalla- nos puidese facer. O malo é que acabou coñecendo o significado da palabra cairo e as pingueiras puxeron un ramo agridoce a esta 20ª edición da Festa. 

Vindeiros concertos

671233870_18332841463223880_6699798182972323400_n.jpg }03 Mai 2026
High Paw e Banda
Krazzy Kray! - Cambados
673956261_1251545983821420_3081834981962470201_n.jpg }01 Mai 2026
Portonovo Gastronómico
Portonovo, Adina (Sanxenxo)
674254567_1415045733995442_7837628195274713169_n.jpg }01 Mai 2026
XXXIII Feira do Viño de Vilachá
Vilachá (A Pobra do Brollón)
681805558_18574633141034291_8173403747584177655_n.jpg }02 Mai 2026
XXXV Festa do Muíño de Fausto
Muíño de Fausto - Coiro (Cangas)
632177127_1379968937479942_2125393337963153476_n.jpg }03 Mai 2026
08:30PM -
Pablo Sanmamed
Teatro Principal - Santiago de Compostela
671647126_1529400112523121_245636148477317500_n.jpg }05 Mai 2026
09:30PM -
Vadzim Yukhnevich e Giuliano Parisi
Borriquita de Belém - Santiago de Compostela
640144733_1661328505309044_6448672353842505295_n.jpg }06 Mai 2026
10º Facela Fest
Lugo
640144733_1661328505309044_6448672353842505295_n.jpg }06 Mai 2026
10º Facela Fest
Lugo
645790230_1542328411230550_6126441407160916991_n.jpg }07 Mai 2026
Agora Guerrilla
Borriquita de Belém - Santiago de Compostela
626278513_18344101579237107_7652831850050692149_n.jpg }07 Mai 2026
Antía Muíño
Avalon Café - Zamora (España)