Outro ano máis, o Armadiña Rock encheu Combarro de cultura. Unha presada de bandas do país co engadido dos bosníacos Dubioza Kolektiv foron o prato forte, nos concertos da noite na praza da Chousa mais o Armadiña é moito máis. Actuacións circenses, faladoiros, obradoiros e actividades para as crianças, música a todas horas e en todos os recantos da fermosa vila mariñeira. E iso que os repunantiños que de sempre volveron facer a súa aparición.

Combarro, 23,24 e 25 de agosto de 2019. De volta, a vila mariñeira volveu ser o epicentro da música galega na penúltima fin de semana de agosto. E iso que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado levan un par de anos facendo todo o posible para que isto non sexa así. Combarro semellaba unha vila tomada por unha alerta antiterrorista a poucas horas de que comezase sexta feira a primeira xornada do festival. Malos modos, controis absolutamente abusivos -por exemplo, xente obrigada a se espir no medio da rúa- e unha gana tremenda de pór pedras no camiño dun festival referente de calidade e cultura. Velaí o modus operandi destes funcionarios encargados de velar pola seguridade. Iso si, feito o seu "traballo" de amedrentar o persoal, marcharon. E cando eran realmente precisos, no control da saída para evitar accidentes provocados por irresponsables que collen o coche despois de beber ou drogarse, non estaban. É curioso que esta actitude prepotente e este trato de criminais dispensado ás persoas que van gozar dun acto cultural se dea aparentemente en concellos, Moaña, Poio,..., gobernados pola esquerda nacionalista. Será casualidade?


Diversas actividades encheron Combarro de cultura

Porén, a nós non nos van dar quitado a apetencia por un festival que pode presumir de ser do mellor do país, co destacable que é ser ademais un festival de balde. Polo escenario da praza da Chousa pasaron nos últimos anos as mellores bandas galegas e unha ampla representación da música alternativa do resto do Estado e incluso de máis lonxe.

Este ano, o cartaz voltaba estar á altura, con Dubioza Kolektiv como referente internacional e unha aposta por bandas galegas ben interesante: Nao, Bastards e High Paw a sexta; Dios Ke Te Crew, Falperrys, Jinetes del Trópico para o sábado. Coma sempre, con sesións vermú, con concertos infantís -máis unha vez, pasámolo en grande con Uxía Lambona e a súa banda-, pasarrúas, etc, etc.

Só temos vídeos do sábado, mais venres xa gozamos do festival. Nomeadamente, do concerto de High Paw & Elephants Yard. Un outro tesouro agochado na música galega, a banda reggae viguesa merecería sen dúbida un recoñecemento maior do que está a ter, tanto por calidade coma pola súa capacidade ao vivo, que volveu demostrar máis unha vez en Combarro.


Sábado foi o día grande e se venres xa a praza da Chousa acolleu moitísima xente, o día seguinte literalmente non se collía en Combarro. A música comezou ben cedo o sábado, coa sesión vermú a cargo dos Falperrys. Punk tabernario galaico-irlandés que acompaña ben un mediodía de sol na fermosa praciña da Rualeira. Eis a proba

Na mesma localización, pero xa despois de xantar, foi a quenda de The Teta's Van. A banda ourensá presentaba mudanzas na formación que lle miráramos hai anos nun par de concertos polo Morrazo, mais mantén o ton irreverente e festeiro.

A noite do sábado no escenario principal da Chousa comezou co concerto de Jinetes del Trópico. Autotune, cumbia e irreverencia a partes iguais para un dos proxectos máis novedosos dos últimos 5 anos na música galega. Aquí os tedes.

Despois, quenda da Familia Caamagno. Non imos negar a nosa predilección polos de Sigüeiro aquí en GZmúsica. Trátase dunha banda que naceu máis ou menos cando a nosa web, coa que temos coincidido un feixe de ocasións e até o Antonio Caamagno ten deixado nalgunha ocasións de zouparlle á batera para nos escribir algunha colaboración. Pero é que ademais son unhas máquinas do directo e un proxecto interesantísimo que non para de evolucionar polos carreiros do rock e sorprendernos con cada disco novo.

Pasaron despois polo escenario da Chousa, con máis pena ca gloria, os Triángulo de Amor Bizarro. Primeira vez que mirabamos ao vivo á banda -moi reputada no panorama indie español- e sorpresa negativa absoluta. É curioso como unha banda da súa sona e coa experiencia que teñen pode soar tan mal enriba dun escenario. E despois dos do Barbanza, saíu Dubioza Kolektiv. Outra banda que a pesar de non ser do país é fixa nos festivais dos últimos anos. Coñécemolos en Ourense e Chantada hai anos -onde se atreveron coas primeiras frases en galego despois de probar o LK- e agora incluso versionan a Lamatumbá. Festeiros e impecables, coma sempre.

Nós pechamos a noite con Dios Ke Te Crew. Posiblemente a mellor escolla para que non decaese a festa no Armadiña despois do fulgurante paso dos bosníacos polo escenario. Após a mestura ska-rapeira de Dubioza o hip-hop contundente dos de Ordes. Bases case metaleiras, actitude e máis rodaxe que nas primeiras citas deste retorno para volver mostrar que son a punta de lanza do rap galego.

Despois, tenda/furgo e a durmir. Non quedamos á sesión vermú da Ukestra do Medio o domingo pero marchamos, coma sempre, moi contentas de Combarro. Que dure!!

TEXTO: Lavesedo

VÍDEO: Martín Rodas & Isaac Pazos




Vindeiros concertos

585768104_1338024458336140_2878227062180881234_n.jpg }28 Nov 2025
Festas de Santa Catalina
Portonovo, Adina (Sanxenxo)
uxia-xira25.jpg }28 Nov 2025
09:00PM -
Uxía
Auditorio do Pazo da Cultura - Carballo
577578018_695376560288067_47545943449353578_n.jpg }28 Nov 2025
09:00PM -
A Pedreira + Faia + Felissa Segade
Auditorio do Pazo da Cultura - Pontevedra
584882342_1146221611051387_4909839680923644709_n.jpg }28 Nov 2025
09:30PM -
Noxxo
O Buril - Sarria
588617408_1271245561695704_4922521854846722635_n.jpg }28 Nov 2025
10:00PM -
Foliada en Compostela
A Nave de Vidán - Santiago de Compostela
571352046_1224921929669233_3571719526673220335_n.jpg }28 Nov 2025
10:30PM -
Furanchology
A Arca da Noe - Vilar de Santos
577178237_10162048413110913_4125717688305386834_n.jpg }29 Nov 2025
A Candeloria Pista Extra Vol.2
Pazo de Feiras e Congresos - Lugo
585768104_1338024458336140_2878227062180881234_n.jpg }28 Nov 2025
Festas de Santa Catalina
Portonovo, Adina (Sanxenxo)
564599136_10224860224573305_4805494553223015416_n.jpg }29 Nov 2025
Retrofoliada
Torrecino de Cela - Cela (Bueu)
581958004_1262590715903630_4376138395313631405_n.jpg }29 Nov 2025
XXXV Semana da Música da Terra de Melide
Centro Sociocultural Mingos de Pita - Melide