Por vez primeira nos 3 anos de vida deste webzine achegámonos até o Festival PortAmérica. Alén do esquecemento conxénito da música -e do idioma- do país no festival, nunca tivo un cartaz moi atractivo para os nosos gustos. Porén este ano, a presenza de Calle 13 e Vetusta Morla nun mesmo día convenceu o máis hipster dos nosos reporteiros para se achegar até Porto do Molle e ver que se coce nun festi destas características, ben afastado dos que adoitamos cubrir neste webzine. Eis a súa experiencia.

E así cheguei, ás oito e media da tarde, con moita calor e preguntándome: por que non estarei eu na praia? A resposta, rápida e contundente saíu do carro que estaba aparcado ao lado do noso... CALLE 13!!!

Así comezou o meu camiño cara a entrada do festival. Fóra o de sempre, nada diferente a outros festivais: xente bebendo e música, moita música, pero sempre dos mesmos, será que "Niños Mutantes" ou "Elodio  y Los seres queridos" non son os tal pra animarse, e Calle 13 era o que mandaba.

Chegamos logo a pedir a nosa acreditación, e aquí a miña primeira gabanza, senón pró festival, prás dúas rapazas que se encargaban dos pases e prensa. Se os festivais tivesen máis xente así, habería moitos menos problemas dos que ás veces nos atopamos. E unha vez acreditado, e apurando o meu kalimotxo (pedino fóra porque dentro sabía o que me agardaba) entramos no festival. A miña primeira vez no Portamérica, velaí estaba eu, todo nervioso, e... e nada!! Así de cara éche un festival ben normaliño, ou o que entendo eu por normal sen meterse en cuestións filosóficas. Estaba o seu descampado poirento, os seus postos de comida e bebida, xente por aquí e por acolá, pero todo isto vai cambiando a medida que te achegas. Os postos non son como os que se poden ver nas Revenidas, ou no Reperkusión... Xa ves que algo non encaixa. No primeiro deles podías facer, gratis, coroas de flores (pero non para defuntos), había postos de gafas de sol retro con precios moi deste tempo, logo habíaos de roupa, pero non como os que estades acostumados a ver, con pantalóns de tiro baixo, camisolas con proclamas ou bolsos de cores... erache algo máis así como "chegou a primavera ao Corte Inglés".

Entre tanto fun entrevistado, si amigos, un tipo tímido coma min diante dunha cámara é coma un xoguete roto. E así deixeime facer. Iso sí, o nivel das preguntas rozaba o absurdo, e claramente o tipo viña a vacilar. Porque unha vez lle expliquei de onde viña e o que ía facer alí preguntas como, "y con que filtro de Instagram piensas retocar las fotos?", "Cuál es tu filtro de Instagram favorito?" non me parecen moi normais, e despois para facer preguntas como "Que te parece la comida en el festival? Tienes esperanzas de que te hagan una buena comida esta noche en el festival?" Pois unha de dúas: ou ben esperas que se faga de noite, e así non ter que verte a cara, ou ben esperas a que o entrevistado estea máis bébedo, para que che poida dar unha resposta etílica acorde coa inoportuna pregunta ...(por non chamala merda de pregunta) E que logo a min me anden a censurar as entrevistas, manda carallo!!! Non saben a xoia que teñen!! Pero ben, pasemos páxina, que boa falta fai...

Unha vez asumido onde estaba, e como inda tiña tempo de sobra, fun pedir algo de beber. Aquí comenzan os problemas. O problema non era ter que cambiar euros de verdade por "Amaros" de plástico, era que unha vez rematada a noite se che sobraban non os puideses trocar por euros outra vez (este é un mal do que eu nunca adoezo, non sei porque será pero a min nunca me sobra). O outro eran os prezos, iso e a carestía de LK, que algún pode pasar por alto (pero son poucos e non se dan a coñecer), supoño que por ser considerada unha bebida da aldea. Ir a pedir e que che lamban 7  amaros por un litro de cervexa é delito, e dos grandes (inda menos mal que era Estrella).

Pero ben, unha vez ceado e superado o trauma da primeira cervexa, achegábase a hora, a hora de Calle 13. Alá fun eu, coitadiño de min, a meterme nun foxo a sacar unhas fotiños, co meu obxectivo de 18-55, que era como ir co "troncomóvil" a un rallie. Intentei ter unha actuación digna.

E mentres estaba eu cos meus devaneos, groliño vai, groliño ven, comezou o concerto. Ben certo era que estaba avisado de que non soaban no directo igual que no disco, e así foi. Pero moi poucos grupos son os que alcanzan ese nivel de calidade. Iso sí, a enerxía que desprenden René "Residente", Eduardo e Ileana Cabra "Visitante e PG-13", e o resto da banda son innegociables e dificilmente alcanzables, dende o primeiro tema até o último. E en toda a súa diversidade, dende Multiviral ou Vamos a Portarnos Mal, até en temas coma Latinoamérica ou Ojos Color Sol, letras estas que ben poderían estar recollidas nun poemario. De todos os xeitos René non canta, dispara, imposible estar parado, non bailar, como din nun dos seus temas: "Si no sabes bailar no te quedes mirando, muévete como si te estuvieran electrocutando".

E así foi entre ráfaga e ráfaga de fotos, non poiden evitar bailar, era ao que ía, era o que quería. E aquí teño que facer un inciso: ti, xornalista da Voz de Galicia, a rapaza que se encarga da crónica, se por casualidade estás lendo isto, sínto moitísimo o cobadazo que levaches na cachola, non sei si cho cubre o seguro.

Unha vez rematados os 3 primeiros temas, saín do foxo, e seguín desfrutando do CONCERTAZO, iso si, para estas alturas xa conseguira algo de LK de estraperlo.

Logo viñan os Buzzcocks, unha banda inglesa de punk-rock, descoñecida pra min, pero da que me chegaran moi boas referencias, de xente de confianza e que xa os coñecía. E non estaba errado. Molaron, é máis, molaron moito. Foi unha mágoa non poder chegar a sacarlles fotos, pero entre que son punks e só podía estar nas 3 primeiras cancións, cando me din conta estaban rematando o 2º tema e eu inda tiña que cruzar polo medio da turba, conclusión: non chego, así que desfrutemos do camiño. Camiño no que nos encontramos con Miguel, ou Migui Terbutalina, que seica estaba recollendo influencias de Vetusta Morla e Neuman, para o seu novo disco, este premio da música independente fíxolles moito mal (sen rancor, que eu quérovos ighual).

Así pasou a seguinte hora entre grolos, algo de fume e moitas risas. E de súpeto, arredemo que empeza Vetusta Morla e teño que tirar unhas fotos. Alí fun pro foxo, protexido da "hipsteria colectiva" que había o outro lado do valado. Días antes discutía na praia, defendo que son un grupo cun directo potente, activo, frente a aqueles que din que son un grupo triste, "pra faser un suisidio colectivo" como dicía algún. Mágoa que estes non estivesen no concerto, porque ían levar en todos os fociños. Vetusta Morla, sexan do teu gusto ou non, teñen un directo brutal, animado, impecable, van coma un reloxo suízo, unha maquinaria precisa onde todas as pezas encaixan perfectamente, tanto a nivel músical, coma visual. Non hai moito máis que dicir, os que os viron algunha vez, saben ben do que falo.

Non son o meu grupo favorito nin moito menos, pero podo decir que gosto de velos en directo, gosto moito.

E así foi, desta volta tamén gocei, coma os milleiros de persoas que estaban alí, que deron todo nese concerto, moitos deles, moitísimos, movidos por unha especie de sede de vinganza, como ocurriu cos que estaban a ver Calle 13, como reclamando o que a natureza lles arrebatara o ano anterior.

 

E con este concerto remataba a miña noite. Inda tardei un bocadiño en marchar. Xa sabedes coma son estas retiradas, hai que gañarse metro a metro o camiño á saída entre risas e tragos, e logo máis risas e despedidas. Mentres Novidades Carminha puñan a banda sonora a miña saída do festival, hainas mellores, pero esta ben valía.

FOTOS DOS CONCERTOS DE CALLE 13 E VETUSTA MORLA 

{artsexylightbox picasaUser="gzmusicaweb" picasaAlbum="portamerica2015"carousel="true" carousel_visible="4"}{/artsexylightbox}

TEXTO e FOTOS: Víctor Guitián (Aka O Cachalote Lisiado)

{fcomments}

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.