A vindeira fin de semana, sábado 9 e domingo 10 de abril, volve a Festa da Chuvia. O concello de Rianxo acollerá unha edición chea de música e actividades, durante a xornada do sábado, e o domingo o barco da chuvia percorrerá a ría de Arousa cheo de música e diversión. GZmúsica colabora coa Festa da Chuvia e festexaremos o noso 10º aniversario abordo. Ademais, haberá servizo de ToxoBus desde Ribeira, pasando por Palmeira, A Pobra e Boiro. 

Disque moi logo imos vivir niso que chaman lanuebanormalidá, que non temos moi claro que cousa é pero mentres tanto está ben ver como o tecido cultural e festivaleiro do país se vai espreguizando destes anos de parón. A volta da Festa da Chuvia e mais do barco da chuvia son sen dúbida unha nova estupenda, así que, da que nos enteramos que o Suso andaba argallando a volta da única festa que se celebra por terra e mar -e, facédenos caso, non descartedes o aire para o futuro-, decidimos que volviamos embarcar acanda el e de paso, gravar un programa especial co gallo do noso 10º aniversario.

A troula comezará o sábado, con concertos ao longo de todo o día. Tanto de bandas do Barbanza, Canción DeSastre, Chamaquito Pistolas, Boroa e Os Bar Ban Sónicos, como da conexión Rianxo-Compostela, Tecor Societário, Grampoder, Radio Zapa e, os máis anfitrións, Banda de Gaitas Buxaina, co engadido dunha pequena representación de Ordes, os Machina e mais os Broa. Ademais, xincana poética por Rianxo e obradoiro Millo Verde para as crianzas.

Haberá tamén ToxoBus. Patrocinado por toxotelecom.gal -outro dos colaboradores, coma GZmúsica, da festa- o bus sairá da nova estación de Ribeira ás 10 da mañá do sábado, parando en Palmeira -fronte a de Baldomero- ás 10:30h, na Pobra -estación de autobuses, 10:40h- e Boiro -casa do concello, 10:50h-. A volta está prevista contra a 1 da mañá, en acabando os concertos. O prezo do billete é de 2€ ida e volta e inclúe unha consumición na festa e  unha tapa de paella na cafetaría Castelao de Rianxo. Os billetes do bus pódense mercar na tapería A Recoveira, no Café Bar LaCalle da Pobra ou na propia tenda Toxo Telecom. Xa sabes, se es do Barbanza, usa o bus. Máis ecolóxico e máis seguro.

O domingo, coas entradas xa esgotadas, o barco da chuvia zarpará as 12 da mañá dos peiraos do porto de Rianxo para unha xornada de troula pola ría, que contará coas actuacións do Cé Orquestra Pantasma, de Boroa e Amigos do Ruído e mais coa picadiscos Kris K DJ. Haberá, ademais, moitas sorpresas. 

Dis que non sabes que cousa é o barco da chuvia?? Pois mira 

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.