O Reperkusión abre o prazo de presentación de solicitudes para os artistas que queiran participar no Festival. Igual ca o ano pasado, tres dos artistas serán elixidos polo público, a través das redes sociais do Festival. Polo de agora, os españois Muchachito y sus compadres, os portugueses Crassh e os galegos Cuchufellos e Terbutalina son as únicas confirmacións da 12ª edición do Reperkusión. Até o 15 de abril, as entradas están á venda a 20€+Gastos.


O Festival Reperkusión abriu esta semana e até o 1 de maio a convocatoria para que artistas, grupos e compañías profesionais e amadoras presenten as súas propostas para formar parte da programación da 12ª edición do festival, que se celebrará na Cidade dos Muchachos de Bemposta, en Ourense, os días 11, 12 e 13 de xullo. Como nas edicións anteriores, a programación de concertos de noite no escenario principal, onde xa está confirmada a presenza da rumba rockeira de Muchachito y sus compadres, da percusión o movemento e a comedia visual de Crassh, dos ritmos frenéticos de Cuchufellos e do garage-punk desenfadado dos Terbutalina, completarase con música, circo, teatro, performances, pasarrúas, exhibicións artísticas e outras actividades das que se pode gozar en diferentes espazos da Cidade dos Muchachos ao longo dos tres días de festival.

Na selección de propostas para a programación de día teranse en conta a súa orixinalidade e capacidade para sorprender, o seu valor artístico e cultural e a capacidade para captar novo público, ademais da adecuación ás condicións técnicas esixidas e a capacidade do espectáculo de adaptarse á rúa e a espazos abertos. Toda a información sobre como inscribirse na convocatoria de artistas está dispoñible na web www.reperkusion.com.


En vista da boa acollida que tivo a proposta na pasada edición, este ano tamén se seleccionarán tres das propostas de día nas redes sociais do Festival Reperkusión. Os tres artistas, grupos ou compañías que reciban máis apoios serán seleccionados pola organización para formar parte da programación. O ano pasado, finalmente foron catro os elixidos polo público: Guezos, Skarallaos, La Tarrancha e Rimbarán.


Entradas xa á venda

As entradas están á venda a través da web www.reperkusion.com cunha oferta especial ata o 15 de abril de 20 € máis gastos de xestión o abono de tres días ou 25 €, tres días con acceso á zona de acampada.

Como ven sendo habitual no festival, será unha fin de semana completa, con actividades de día e de noite que non deixarán un momento para o aburrimento. As primeiras confirmacións do programa deste ano dan boa conta da mestizaxe cultural que caracteriza o festival ourensán e a organización advirte que pronto se desvelarán os nomes de máis artistas. Ao longo os seus doce anos de historia pasaron polo festival artistas como Manu Chao, Fermín Muguruza, Russkaja, 2Many Dj's, Emir Kusturica & TNSO, Los Delinqüentes, Dubioza Kolektiv, PinkerTones, Macaco, Wagon Cookin, Muchachito Bombo Infierno, Os 3 Trebóns, Ojos de Brujo, Fanfare Ciocarlia, Eskorzo, Os Diplomáticos de Montealto, Telephunken, Sargento García etc.

{fcomments}


Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.