Boal é unha pequena vila do occidente asturiano. Aló falan a variedade máis oriental da nosa lingua, o galego de Asturias ou gallego-asturiano. Desde esta vila da montaña, a Asociación Xuvenil Mezá leva anos removendo a pousada vida cultural da vila, cun outono cultural cheo de actividades e música. Este ano volven contar con bandas galegas e asturianas para pór a vertente musical e festivaleira do outono. Desta banda do Eo, Carricobanda e Chotokoeu irán até aló para mostrarlles aos veciños e visitantes o seu traballo. Esta fin de semana, venres 5 e sábado 6, Outono Cultural en Bual...nosoutros taremos alló!

As actividades comezarán a sexta feira, 5 de decembro, coa inauguración do Outono Cultural, apertura das exposicións e un concerto dos Carricobanda. Mais o día forte será o sábado, con obradoiros, paroladas e unha potentísima fin de festa co concerto dos Pampirolos, formación tradicional, de Grandas de Salime, Tuenda, tamén no eido trad-folque, un trío de músicos con ampla experiencia en formacións coma Llan de Cubel ou N'Arba, Misiva, banda punk-rock ástur e os galegos Chotokoeu, ben coñecidos no noso país mais que se estrean nestas terras estremeiras.

GZmúsica andaremos un ano máis por Boal. Para alén de sermos -2 de nós- descendentes desas terras da montaña eonaviega, o Outono Cultural é unha desas iniciativas ás que nos presta ir. Feito desde a autoxestión pola mocidade da vila, con críticas d@s máis repunantes por ter levado sen censura até Boal músicas, paroladas ou libros que se saen do politicamente correcto. O Outono Cultural non é cultura mainstream, tampouco segue os canóns encorsetados que tentan impor -ás veces con certo éxito- que galeg@s e asturian@s vivamos de costas.

Se queres ir até aló e non sabes como facer, nas redes sociais crearon o Bual Bual Car onde compartir carro para chegar. Lembra tamén que as actividades son de balde, con zona de acampada a cuberto incluída. Desde logo unha moi boa alternativa para esta fin de semana, festa e actividades con público chegado de Asturies e Galiza disposto a pasalo ben e a rachar con esas fronteiras que a ignorancia e intereses alleos ás nosas terras levan anos tentando erguer en van. 

{fcomments}

 


Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.