Comezamos o mes de agosto e os festivais de música amoréanse ao longo da xeografía galega. Desde grandes festivais con entrada de pago deica pequenas iniciativas autoxestionadas. Do punk-rock ao pop ou á música tradicional. A oferta é ampla e para todos os gustos. Dámoslle un repaso ao mellor desta primeira fin de semana e engadimos o Mapa Festivaleiro de agosto actualizado a 04/08/16. Pasen e escollan!
Agosto. Praia e vacacións. Ou calor e agobio, que hai de todo. Mais o único no que todas estamos de acordo é en que este é o mes dos festivais. E das festivaleiras. Apaña a túa mochila, recarga as reservas de LK e colle camiño a un (ou varios) dos festis deste mes.
Sen saír desta primeira fin de semana, a oferta xa é impresionante. No sur, hoxe e mañá destaca sen dúbida o SonRías. Despois dun ano de parón tras a suspensión por mor do mal tempo en 2014, a A.C. Troula na Banda de Bueu volve á carga con cartaz de impresión e unha mega-carpa que leva montada días en Bueu para escorrentar calquera posibilidade de suspensión. Aínda que semella que, cos 30º que prognostican para hoxe e mañá no Morrazo, este ano non vai ser necesaria. A experiencia SonRías alicérzase en cabezas de cartaz internacionais –La Vela Puerca, La Gran Pegatina ou Soziedad Alkohólika- ás que se unen grupos galegos coma Chotokoeu –encargados de abrir o festival hoxe ás 20:15h-, Poetarras ou Skarnivals, que xogan na casa. Clásicos festivaleiros coma os Heredeiros ou Vendetta ou os menos coñecidos –e vistos- por estes lares Sra. Tomasa completan o elenco dun festival que ten entradas a 25€ para un día e abono completo por 35€.
Outra alternativa interesante, esta de balde, para a fin de semana é Pardiñas. Un dos festivais con máis tradición no país celebra a súa triséximo sétima edición neste 2016. De feito, aínda que hai moitísimos veteráns que levan vindo desde o comezo, unha inmensa maioría de asistentes nin tan sequera naceran cando a AC Xermolos botou a andar a primeira edición en 1979. Festival familiar, onde conviven varias xeracións sen problemas, ateigado de actividades durante toda a fin de semana, cunha exposición de instrumentos tradicionais impresionante, Pardiñas é o festival galego por antonomasia. A contorna privilexiada onde se celebra permite amplas e cómodas zonas de acampada e un recinto festivaleiro impresionante, nun gran claro aberto no medio da carballeira. Pardiñas é un festival de sábado e domingo, polo que este ano pasarán a Banda Crebinsky, Anxo Lorenzo Band ou Liviao de Marrao o sábado –estes últimos, nunha aposta por saír da monotonía trad-folk que colle cada ano máis forza-, e Xabierz Díaz e Adufeiras ou Mini e Mero o domingo. De fóra, os Rare Folk o sábado e Fullset o domingo.
Outra cita de pago pero tamén outro clásico festivaleiro é a Carballeira de Zas. Moi semellante na proposta a Pardiñas, isto é, contorna fabulosa e festival popular baseado no folk, até a carballeira este ano irán Banda Crebinsky –que como vedes fai dobrete Zas/Pardiñas, veremos como é a súa proposta despois da incorporación de Serxio Zearreta-, Ruxe Ruxe, Pelepau, Andrés Penabad ou os clásicos –na carballeira- Luar na Lubre. De fóra, Mago de Oz –que na nosa opinión desentoan nun cartaz de moitísima calidade- ou Steve ‘N’ Seagulls, fenómeno viral nas redes coas súas versións countries de AC/DC.
E non só hai isto, na nosa Axenda podes ollar moitísimas propostas, algunha tan curiosa –polo lugar- como o Tambo Folk que se celebrará o domingo de tarde na illa de Tambo –saídas desde Combarro- ou o Saumede Fest na aldea abandonada de Saumede, co Sonoro Maxín, Emilio José ou Ig Mig. Non diredes que non é por alternativas!
MAPA FESTIVALEIRO DE AGOSTO ACTUALIZADO A 04/08/16
{fcomments}