Sardiñas, praia e rock'n'roll. Velaí a proposta da décimoterceira edición do Festival Revenidas de Vilaxoán, que ha botar andar en apenas 24 horas nesta vila mariñeira. Figuras internacionais da calidade de Gabriel o Pensador ou Fanfare Ciocarlia, ao carón de clásicos do país coma Os Tres Trebóns, O Sonoro Maxín ou Familia Caamagno. Un feixe de actividades de balde, o Xoubiñas Festi pensado para as máis cativas, Gala Solidaria Refuxiad@s,..., moito a facer e todo bo en Vilaxoán desde a sexta até o domingo. É claro que GZmúsica non pode faltar!!

Desde que nacemos hai case 5 anos, en GZmúsica temos unha cita marcada en vermello no calendario á que nunca podemos faltar. O festival das Revenidas, verdadeiro estourido das músicas do país, festival das linguas que aposta sen dúbidalo por programar grupos galegos nun festival de pago, ao lado de grandísimas figuras da música, como Fermín Muguruza, Skatalites noutras edicións ou este ano Fanfare Ciocarlia, Gabriel o Pensador ou Russkaja. Máis unha vez, andaremos por Vilaxoán para mostrarvos en vídeo e fotografía o que alí se coce durante a fin de semana.  

 

GZmúsica TV volve a Revenidas. Se nos ves, saúda...ou fuxe ;)

Despois de trece anos da Festa gastronómica e musical máis importante da ría de Arousa, o porto mariñeiro de Vilaxoán agarda con impaciencia os milleiros de persoas que van pasar por unha das citas de referencia dos festivais galegos. 23 concertos de pago no recinto pechado e 35 actividades de balde para todos os públicos cun especial interese na programación infantil.

O Festival das Línguas arrinca este venres 19 de agosto coa primeira das tres xornadas do festival. No porto de Vilaxoán e no seu entorno comezaron xa os preparativos para acoller este fin de semana a cita máis importante do ano desta vila mariñeira. Tres días con 23 bandas en directo e con 35 actividades de balde entre as que destacan a Gala Solidaria Refuxiad@s Revenidas, deseñada para o público familiar, o Xoubiñas Festi, con actuacións escénicas e musicais para os nenos e nenas, así como actividades naúticas, pasarrúas, obradoiros e a Feira Revenida, con produtos culturais, creatividade e artesanía galega. E por suposto, tamén haberá a Gran Sardiñada Popular Revenidas evento que deu orixe ao Festival, última das sete citas imprescindibles dos Festivais Rías Baixas.

Se non vai Cao, non hai festa

O Festival das Línguas terá 23 concertos no recinto de pago con bandas procedentes de Galiza, Asturies, Madrid, València, Cataluña, Euskadi, Navarra, Brasil, Austria, Rusia, Romania ou Italia. Unha combinación de sotaques e estilos musicais como o gipsy brass, balkan, groove, ska, punk, rock, funk, garage, rap, hip hop, dance hall, reggae, dub, polka, cumbia, latina, pop, fusión, folk ou electrónica. O Escenario Mahou e o Escenario Festivais Rías Baixas acollerán destacadas bandas internacionais como o máis coñecido rapeiro e activista social do Brasil, Gabriel o Pensador, os italianos Talco, os austríacos de orixe rusa Russkaja e a banda máis importante de gipsy da actualidade Fanfare Ciocarlia. Entre os grupos españois destacan La Raíz, Aspencat, Itaca Band, ZOO, La Kimbala e Juantxo Skalari & La Rude Band.

Música, amor, superheroes e sombreiros de palla

Revenidas16 voltará ser o festival de pago que máis música en galego programa

Algunhas das mellores bandas galegas da actualidade presentarán novos traballos como Familia Caamagno, Malandrómeda, Cuchufellos e Os Tres Trebóns compartirán escenarios con novos grupos participantes do Concurso de Música Emerxente Revenidas.

Ezetaerre da Coruña, deLombaos de Santiago e Os Vacalouras de Vigo estrearanse nun grande festival por primeira vez. Ata este xoves podense mercar entradas en venda anticipada por internet ou en locais espallados por Galiza. Os prezos son de 33 euros o bono dos tres días.

O venres dará comezo a apertura dos espazos do festival, o Parque de Dona Concha, as tres zonas de camping, así como outros espazos situados no entorno do festival, con foodtrucks, recuncho Dub, photocall e moitas máis sopresas. O programa da Radio Galega A Tarde desprazarase ata Vilaxoán para realizar o programa en directo desde as 16h. Unha hora despois haberá unha intervención gráfica dentro da conmmemoración do Ano Castelao e as 20 horas comezarán os concertos.

A que non o pasa ben en Revenidas é porque non quere

O sábado a gastronomía será protagonista do festival. Un día grande en Vilaxoán coa Gran Sardiñada Popular Revenidas, que reunirá no Parque de Dona Concha a miles de persoas para degustar á sombra das arbores máis dunha tonelada de sardiñas elaboradas coa antiga receita revenidas, propia de Vilaxoán.

A Zona Mahou acollerá por primeira vez unha prosposta gastronómica a cargo dos chefs Inés Abril e Alberto Gónzalez dos prestixiosos restaurantes con Estrella Michelín, Maruja Limón de Vigo e Silabario de Tui, respectivamente. O sábado a partir das 14 h. presentarán unha proposta moderna e innovadora da sardiña revenida. As súas interpretacións da raíña gastronómica do festival poderánse degustar ata que se rematen as 500 racións e compartiranse co público asistente de balde.

Técnicas de son, de luces, pipas, roadies,...as que traballan para que todo vaia ben

Pola tarde a Gala Solidaria Refuxiad@s Revenidas de balde e aberta a todas as familias acollerá unhas divertidas e animadas actuacións co mestre de ceremonias Peter Punk que presentará as acrobacias de Kanbahiota: La Coguette, o premiado Javi Javichi e o seu espectáculo “Veló como el rayo”, o humor e complicidade de DJuggledy con “Diábolo” e o humor e a múisca do Musicólogo. Ademais haberá obradoiros e actividades na Feira Revenida, na que se xuntarán artistas gráficos, editores, discográficas, coleccionismo, artesáns, deseñadores, xoieiros, ilustradores, libreiros, comercio xusto, asociacións culturais, organizacións políticas e creativos de moda e complementos. A Feira permanecerá aberta de balde das 12 a 24 horas, o sábado e o domingo.

E o domingo terá lugar unha das novidades desta edición, o Xoubiñas Festi, con concertos e música para os e as pequerrechas das familias. Polo correo do Vento, Chuches Amil, Mr. Cool, Bloquinho Aperta e os Títeres Crebanoces.

FOTOS: Xabicas - Revenidas 2015

{fcomments}

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.