A segunda edición dos Premios Galegos da música xa botou a andar. Até o 19 de outubro está aberto o prazo para se apuntar nalgunha das categorías e xa son case 200 as propostas presentadas. Esta segunda edición chega cunha reestruturación nas categorías, pasan de 13 a 15 as dedicadas aos grupos e engádense os Premios Organistrum, con 3 categorías, salas, festivais e medios de comunicación -na que nos animamos a participar desde GZmúsica-, para continuar o seu labor de recoñecer a diversidade e calidade de propostas musicais feitas en Galiza e axudar desde a música a facer país.

Os Premios Martín Códax volven, despois do grande éxito da primeira edición, e fano con algunha modificación. Así, as categorías este ano reestrutúranse. O rock terá categoría de seu e sepárase do blues, funk e soul. Engádese tamén unha específica para a canción de autor. Mantéñense as outras -tamén o Premio Honorífico- e nacen os premios Organistrum, pensados para "recoñecer os cómplices imprescindibles dos músicos e músicas". Premio á mellor sala, ao mellor festival e ao mellor espazo de comunicación musical. Nesta última categoría participa GZmúsica, xunto, polo de agora, a outros espazos na rede coma Ábrete de Orellas, Guieiro Musical, Rock Galicia ou La Rockipedia, e programas radiofónicos coma Planeta Furancho, Estudio 3, Folk in Trío e Sons de Útopos.

O prazo para presentar propostas nas distintas categorías remata o vindeiro día 19 de outubro. Polo de agora, malia o evidente éxito de contar con case 200 propostas -o día 12, ás 23:45h- os premios están lonxe de acadar os números do ano pasado, con máis de 400 formación apuntadas. De feito, as categorías Hip Hop e Orquestras non chegaron aínda ao mínimo de 5 formacións esixido nas bases dos premios para a categoría non ser anulada.

Menor presenza da música en galego

Aínda quedan varios días para pechar o prazo, mais agora mesmo a presenza da música en galego é porcentualmente menor. Destaca o caso do rock, onde das 24 propostas presentadas apenas 4 -Diplomáticos, Liviao, Narf e Ruxe- adoitan cantar na nosa lingua. Botamos en falta moitos nomes, como acontece nas novas categorías de Salas e Festivais. O dito, queda tempo, pero convidamos as bandas, salas, asociacións,... a se apuntar e apoiar uns premios que son un altofalante excelente para a música do país.

{fcomments}


Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.