Nos anos 70 -cando menos- na equipaxe dalgúns dos mariñeiros galegos que andaban ao Gran Sol ou ao Canario-Sahariano coáronse as gaitas. Armados coa instrumentación tradicional, pasaban os poucos momentos de solaz que dá o traballo no mar montando a festa nos barcos, no medio do océano, ou en terra, cando aportaban en Casteltón, Galbai, Las Palmas ou mesmo Valbis Bay ou San Pier de Miquelón, portos doutras latitudes e outros caladoiros. A eses Gaiteiros do Mar réndenlles homenaxe mañá sábado 3 en Vilariño, no Hío (Cangas), en sesión vermú a partir das 12 da mañá. Todo dentro da presentación do libro "Contos do Mar de Irlanda", de Xurxo Souto, descubridor para os "terrícolas" desta e doutras historias do noso mar.
Estas historias dos gaiteiros do mar e outras moitas, descoñecidas para os "terrícolas", saíron por fin á luz da man dos "Contos do Mar de Irlanda", o último libro de Xurxo Souto. Será precisamente no marco da presentación deste libro por parte do seu autor, mañá en Vilariño, onde se rinda homenaxe a eses mariñeiros-músicos que encheron de música galega os mares da terra toda. Nomes como Manoliño ou Feliciano de Donón, Lito de Pinténs, Manolo Martínez Santomé de Menduíña, Pepe O Choula, etc levaron a nosa música ao mar. Incluso hai unha gravación, en cinta de K7, realizada abordo do barco "Ría de Aldán" e nomeada Nos mares do Gran Sol, onde as gaitas e a percusión tradicional compiten e combinan co ruído do motor do buque. Si, loitando contra o balanzo e a morriña, algúns daqueles gaiteiros do mar chegaron a gravar abordo ese "Long Play" -así chamado por eles- peza histórica da música do país.
Mañá, en Vilariño, xuntaranse moitos deses vellos gaiteiros do mar e a súa música volverá soar máis unha vez, desta volta en terra, para tirala do esquecemento e descubrir unha parte agachada da historia da nosa música.
{fcomments}