Onte, luns 12 de xaneiro, pola mañá presentábase a plataforma Compostela, Territorio Musical. Constiuída polo de agora pola asociación de Músicos ao Vivo, a AC Cidade Vella e a AC San Martiño Pinario, busca defender a música ao vivo nos locais da cidade, nomeadamente da zona vella, acosados por leis e regulamentos que pretenden afogar a música. Le no interior o seu manifesto.

A Plataforma presentouse onte e xa ten tamén presenza nas redes sociais, onde supera amplamente os 2.000 seguidores en apenas 24h, que compartiron máis de 100 veces xa o seu manifesto. Velaquí o está:


MANIFESTO. COMPOSTELA, TERRITORIO MUSICAL.
Compostela vivíu sempre de xeito sonoro, dende o coro do mestre Mateo aos cantos de taberna, das xornadas de música contemporánea aos domingos de rock parrulo na sala Nasa, a banda municipal e a tuna, os músicos de rúa e os concertos nos bares, esta cidade vivíu sempre de modo musical e sonoro, e a música é tan desta cidade como as badaladas da Berenguela.

Queremos unha cidade como tantas de Centroeuropa, onde se aprecie o talento e o bo facer, onde a música ao vivo dos artistas locais non sexa unha excepción programada, senón unha realidade cotiá. Esas pequenas actividades diarias poñen en movemento a moitos pequenos grupos de persoas que organizan, actúan, asisten, colaboran... Mellórase a calidade da hostelería cunha oferta que redunda en beneficio dos músicos, dos técnicos, dos hosteleiros, dos visitantes, e redunda en favor dunha cidadanía que quere vivir de maneira leda, hospitalaria, sostible e cultural. A vida cultural da cidade faise a través destes pequenos actos repetidos, non só de actos excepcionais o día do Apóstolo.
No que se refire á interpretación musical en Compostela, o catálogo
vixente de actividades culturais permitidas en establecementos públicos foi indiscriminada e cegamente elaborado de costas á realidade antes descrita e ao sentir e interés dos profesionais e cidadáns. Actividades que viñan celebrándose habitualmente e con normalidade en cafés, restaurantes, hoteis e bares foron, no último ano, acosadas, multadas e postas fóra da lei.
Son estes os resultados dun modelo no que a cidade e os cidadáns son mero escenario ao servizo dun hipotético turismo que non acaba de chegar. Entre tanto, consúmase a destrucción do pequeno comercio tradicional e da vida diaria da cidade. E entre fasto e fasto, degrádase a cidade como espazo de produción cultural. 

Non permitir que a cultura se desenvolva libremente, imposibilitar que os establecementos de pequeno aforo programen cultura a cotío é contrario ao sentido e ao sentimento común, bate contra a cultura e afecta á cidadanía de Compostela.

O Concello de Compostela debe percibir, entender, valorar, defender e promocionar a cultura propia que se desenvolve a cotío na cidade e debe facilitar tamén un marco administrativo positivo que recolla o sentir e o traballo da cidadanía. Un marco ou convenio que nos libere dunha vez de arbitrariedades no entendemento e aplicación do regulamento actual. Un convenio que estableza claramente en que horarios, decibelios e condicións se poderán seguir a programar os concertos nos locais e espazos públicos da cidade. Un convenio que teña en conta a opinión dos veciños e veciñas á hora de decidir cómo queremos que funcione a nosa cidade, nun marco de alegría, cultura, prosperidade e boa veciñanza.
A música en Compostela e as diferentes artes en xeral, demandan o
inmediato deseño dun marco claro e positivo, que recolla e impulse a formación e a interpretación musical, e unha mesa tamén que reforce a cívica convivencia que nos caracteriza.

Constituímos Compostela Territorio Musical, como emblema da
creatividade e do aprecio pola música e a cultura desta cidadanía, que é aberta, creativa, culta e cosmopolita, como o era en tempos de Xelmirez e como queremos que hoxe siga a ser.

Asociación Músicos ao Vivo 
Asociación Cultural Cidade Vella 
Asociación Cultural San Martiño Pinario 
asinan este manifesto avalados, ademáis, por cidadáns,
asociacións, escolas, comercios, colectivos, artistas, etc.



FOTO: facebook da Plataforma


{fcomments}


Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.