O Kindie Rock, rock indie para as crianzas, ten xa certa tradición no mundo anglosaxón. Froito, seica, dunha maternidade consciente, a posibilidade de non maleducar as túas fillas con horrores coma os Cantajuegos ou a enésima reedición dos pallasos da tele é unha realidade tamén no país. A nosoutras isto non nos colle desavisadas, que che temos mirado moito xabarín, pero agora a cousa é diferente. Trátase de bandas enfocadas ao público familiar coas que non che entran ganas de suicidarte cando a crianza comeza con aquilo de Pona de volta, mami.

 A música para as crianzas, como lle pasa tamén á literatura infantil e xuvenil, carga coa etiqueta de xénero menor e a súa calidade é cuestionada decote. Incluso se pensa –e se di- que a calidade non é precisa cando se fala de traballos para os máis cativos. Así, durante anos as xeracións máis novas sufriron(mos) músicas insípidas e definitamente aburridas. Si, non te enganes. Se as lembras con certo cariño é pola saudade dos anos da infancia.

Afortunadamente, os tempos mudan e unha nova vaga de músicos, as máis das veces tamén pais e nais, están a crear unha outra música para os cativos –e non só para eles, pois xa se fala de música familiar- alicerzada na enorme bagaxe dos diversos estilos da música contemporánea.  Do blues ao heavy metal, pasando polo punk ou o country e no caso galego pola música tradicional, todos son estilos perfectamente accesibles para as crianzas.

No país, a Gramola Gominola é o mellor expoñente desta nova fornada de música para a rapazada. A banda formada por membros de formacións do rock galego coma Zënzar, Nao, De Vacas ou Di Elas, ten un traballo homónimo editado por Galaxia, un libro-disco que propón un percorrido pola historia da música contemporánea através de 10 cancións. Ska, reggae, punk, rock, pop,… todos os estilos teñen cabida neste traballo. 

Porén, este fenómeno de música de verdade para as crianzas, chamado kindie rock no mundo anglosaxón, non é en absoluto novidoso en Galiza. Aquí xa son moitas as xeracións que medraron co Xabarín Club, pioneiro nos anos 90 do século pasado en empregar estilos adultos nuns contidos que estaba pensado para os máis novos. A música dos Diplomáticos de Monte Alto, de Siniestro Total, dos Rastreros, de Víctor Coyote ou do Caimán do Río Tea forma parte das lembranzas da hora da merenda dos galegos que andan agora polos vinte e pico anos, o que, posiblemente, teña moito que ver coa auténtica revolución da música en galego neste século XXI, protagonizada por aqueles nenos que miraban o Xabarín da TVG. Mais daquela, agás os propios discos do Xabarín Club, era complicado atopar música pensada para os cativos que camiñase por eses vieiros e hoxe en día, por fortuna, a oferta é ampla e non fai outra cousa ca medrar.

Alén da Gramola Gominola,  outra das novidades deste ano é a estrea de Chuches Amil, o libro-disco Un conto ao revés, tamén da colección Sonárbore da editorial Galaxia.  Outra volta ao rock para nenos, da man tamén dun vello coñecido do rock galego, Fran Amil. O batería dos Papaqueixos, hoxe en activo nos Tres Trebóns e nos Ulträqäns, é un outro músico-pai de familia que decidiu dar o salto cara ao público infantil cun traballo que nos conta unha historia protagonizada por un rapaz e unha rapaza, en clave plenamente roqueira. No disco colaboran outros nomes do rock galego, como Antón Díaz –compañeiro de andaina de Amil en todos os seus proxectos-, Tito Calviño, guitarrista de Sés, ou Cristina Asenjo, acordeonista do Sonoro Maxín.  Sen saír da colección Sonárbore temos algunha outra proposta ben interesante, como os traballos de Sérgio Tannus, Uxía ou Mamacabrá, auténticos Beatles da música infantil en galego. Quen pense que a comparación pode ser esaxerada pode achegarse a algunha actuación de Mamacabra, para comprobar o fervor de nais, pais e crianzas para estar en primeira fila cantando os éxitos do grupo.

Mais antes da aparición de Gramola Gominola ou Chuches Amil xa había expoñentes do kindie rock galego. Quizais non tan roqueiro coma os anteriores, o Magín Blanco apresenta tamén un bo feixe de cancións que presta escoitar a calquera idade. Temas dunha beleza que abraia, acougantes e evocadores. Os dous libros-discos publicados da Nena e o grilo son desde logo exemplos claros de como se poden facer grandísimos discos pensados para a rapazada. De feito, somos moitas nais e pais a agardar polo vindeiro traballo...para llelo regalar as crianzas, claro.

Paco Nogueiras e o seu Brinca Vai son unha outra mostra de boa música para nenos. Sobre un pouso que mestura ritmos tradicionais e bases electrónicas, aparecen sonoridades do rock ou do reggae. Quizais menos coñecido polos maiores, o certo é que Nogueiras arrasa entre a rapazada, como demostrou por exemplo na súa actuación o pasado verán no Festigal. 

 

Hai máis nomes. Pablo Díaz, cos seus Tic Tac e Toc Toc leva tamén xa un tempo xuntando música para crianzas con estilos musicais contemporáneos e calidade. De feito, pola súa banda pasaron algúns dos músicos (Antón Díaz, Pablo Dalama ou o propio Fran Amil) que fan parte dalgunha das propostas novedosas neste xénero. Porén, e sen esquecermos achegas pioneiras como as de Suso Vaamonde, neste século foi Almu Janeiro unha das primeiras en levar polo rego da boa música ás máis pequenas da casa.


Furious Monkey House, cando a rapazada fai o seu propio rock

Non só os adultos fan rock para os nenos. Tamén hai bandas formadas por xente nova que fai rock, para grandes e pequenos. En Pontevedra, Furious Monkey House leva un tempo traballando e vén de publicar o seu primeiro disco, Run (Esmerarte, 2015). Manu, Irene, Amaya, Carlota e Mariña –con idades comprendidas entre os 9 e os 13 anos- acompañados polo mono baixista, Gonzalo Maceira, presentan un disco que foi gravado nos estudios Abbey Road de Londres e no que eles mesmos din que se poden rastrexar influencias de bandas como REM ou Pixies, esta última evidente no tema que dá nome ao traballo ou en Litle Noisy Bunny. Dez temas cantados en inglés, onde hai cabida para a furia de With My Hands e as súas guitarras descarnadas –tamén presentes en Exploding Head- ou para alfaias como a hipnótica Rock Candy. Moita guitarra, con e sen distorsión, ritmos que che quedan na cacholiña con facilidade e a voz de Mariña pondo un contrapunto doce e duro á vez. Velaí os sinais de identidade dunha formación que sorprende pola súa gran calidade e faino non só no disco. Tamén ao vivo, como xa teñen demostrado en festivais como o Surfing the Lérez ou en locais como o Aturuxo de Bueu ou no Pazo da Cultura de Pontevedra, onde presentaron Run hai apenas un mes e aproveitaron para gravar o concerto completo.

Texto: S. Murias

{fcomments}

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.