Até o vindeiro luns está aberto o prazo para se anotar na III edición dos Premios Martín Códax da música que volven convocar desde a Asociación de Músicos ao Vivo. Este ano haberá unha nova categoría, Coros e música vocal, para alén das quince xa existentes. Ademais, os premios manteñen o galardón honorífico e os 3 premios Organistrum, á mellor sala, mellor festival e mellor Espazo de Comunicación Musical, no que GZmúsica foi finalista o ano pasado.
Os Premios Martín Códax da Música están promovidos pola Asociación de Músicos ao Vivo, e nacen nun contexto que reborda creatividade musical pero adoece de apoios, de recoñecemento, de visibilidade e dunha industria capaz de facer rendible o inmenso potencial deste sector estratéxico, un sector que, no caso de ser dimensionado –asunto nada sinxelo-, moi probablemente se revelaría como o máis produtivo e con máis potencial para a cultura galega.
Desde a Asociación de Músicos ao Vivo, destacan que os galardóns teñen uns obxectivos que van moito máis aló da autocomplacencia e o autobombo dos músicos, para sumarse a esa idea de ‘facer país’ na que tantos axentes traballan decote.
Estas son, para Músicos ao Vivo, as principais metas dos premios:
RECOÑECER a creación, a diversidade e a calidade artística das producións musicais galegas. Revelar novos talentos da escena musical galega e achegar a música e o seu proceso de produción ao público.
FACER RENDIBLE O POTENCIAL DA NOSA MÚSICA. Músicos ao Vivo é consciente do tremendo potencial que a Música Galega ten. E temos presente que a enorme produción e creación musical da que gozamos en Galiza non chega a todos os sectores da poboación tal e como debería. Músicos ao Vivo entende a música galega dun xeito aberto, universal e inclusivo, sen poñer cotas estilísticas ou doutra índole. Aí reside a nosa riqueza. Cremos que debemos traballar para facer sentir a presenza do sector produtivo con máis potencial dentro da cultura galega, e de tirar del toda a rendibilidade que é quen de producir. Os premios están axudando a promover a música creada en Galiza non so dentro do país, senón tamén a nivel estatal e internacional, ampliando deste xeito a actividade económica deste sector no exterior.
FACER VISIBLE TODO UN SECTOR. Os Premios Martín Códax da Música darán visibilidade á Música Galega. Con carácter xeral, poñendo nos medios a todo un colectivo de creadores, a toda unha industria, e a toda unha comunidade comprometida coa cultura musical galega; e de xeito particular, resaltando 3 proxectos concretos por cada unha das 16 categorías musicais e os 3 Premios Organistrum, que recoñecen a mellor Sala, o mellor Festival, e o mellor Espazo de Comunicación Musical; ademais da mención honorífica a toda a carreira artística de un/unha músic@ galeg@. En total, estes galardóns botarán luz sobre 58 proxectos musicais galegos actuais e en activo, garantindo así a transcendencia mediática e o potencial tan diverso da música galega, así como a súa tradución ao mercado musical do momento, tanto o discográfico como o da música ao vivo.
Os galardoados levarán cadanseu Melómano
QUEN PODE PRESENTARSE AOS III PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA 2016
Todo aquel proxecto musical galego que estea vixente e en activo no ano 2016. Por proxecto musical galego enténdese todo aquel grupo, solista, ou colectivo que teña a súa residencia habitual e marco de actuación en Galiza. Se o proxecto en cuestión é de fóra de Galiza, deberán ser maioría os integrantes galeg@s, ou, polo menos, o 50%. Nos casos en que o líder do proxecto sexa galeg@, non será necesario cumprir este mínimo do 50% de procedencia galega para o resto de integrantes. Poderán participar tamén grupos de fóra de Galiza, ben por cantaren en galego ou por interpretaren, na súa meirande parte, música de raíz galega.
Non será requisito imprescindible ter editado disco neste ano 2016, nin ter editado disco ningún. Se ben a produción discográfica é algo que debe pesar e moito na traxectoria dun proxecto musical, estes premios pretenden valorar o feito musical ao vivo, independentemente do traballo discográfico.
Os Premios Martín Códax da Música van dirixidos a tod@s @s músic@s, polo tanto, non é necesario ser soci@ de Músicos ao Vivo para presentarse a estes Premios.
CATEGORÍAS
Os proxectos que opten aos Premios Galegos da Música, deberán ser inscritos para competir nunha das seguintes categorías.
1. Mellor Proxecto Musical Galego de Pop e Indie.
2. Mellor Proxecto Musical Galego de Rock.
3. Mellor Proxecto Musical Galego de Blues, Funk e Soul.
4. Mellor Proxecto Musical Galego de Metal.
5. Mellor Proxecto Musical Galego de Canción de Autor.
6. Mellor Proxecto Musical Galego de Hip Hop e Músicas Urbanas.
7. Mellor Proxecto Musical Galego de Reggae, Ska e Mestizaxe.
8. Mellor Proxecto Musical Galego de Electrónica.
9. Mellor Proxecto Musical Galego de Música Clásica e Contemporánea.
10. Mellor Proxecto Musical Galego de Jazz e Músicas Improvisadas.
11. Mellor Proxecto Musical Galego de Música Tradicional Galega.
12. Mellor Proxecto Musical Galego de Folque.
13. Mellor Proxecto Musical Galego de Músicas do Mundo. (Flamenco, MPB, Músicas Balcánicas, etc...)
14. Mellor Proxecto Musical Galego de Música Infantil.
15. Mellor Proxecto Musical Galego de Orquestras, Grupos e Músicas de Verbena.
16. Mellor Proxecto Musical Galego de Coros e Música Vocal.
PREMIO HONORÍFICO Músicos ao Vivo. En cada edición dos Premios Martín Códax da Música entregarase un Premio Honorífico a un/unha músico galeg@, que pola súa traxectoria artística e dedicación á música ao vivo, constitúa un referente para as novas xeracións de músicos. O premiado ou premiada de cada edición decidirase en Asemblea Extraordinaria de Músicos ao Vivo.
O Aturuxo de Bueu levou o Organistrum á mellor sala no 2015.
PREMIOS ORGANISTRUM. O Organistrum é un instrumento do que temos constancia pola súa presenza no Pórtico da Gloria. É anterior mesmo ao ropio Martín Códax. Sabemos del que eran necesarias dúas persoas para facelo sonar, debido ao seu gran tamaño. Con esta imaxe queremos rendir recoñecemento aos cómplices imprescindibles dos músicos e músicas.
Axentes presentes no noso sector musical, na nosa Industria, no feito cultural mesmo. Como mostra, este ano, os Premios Organistrum serán 3.
1. Mellor Sala.
2. Mellor Festival.
3. Mellor Espazo de Comunicación Musical.
{fcomments}