Hoxe cúmprense 30 anos do pasamento de Pucho Boedo. Cantante, coruñés, fillo e irmán de anarquistas fusilados polos feixistas, Boedo foi a voz da terra para varias xeracións de emigrantes galegos que marcharon gañar a vida a Europa ou América. E tamén foi acougo para as persoas que aquí viviron a ditadura. Un auténtico crooner, ao estilo dos grandes cantores americanos, que sabía emocionar coma ninguén cos seus temas.

Pucho Boedo, un crooner na fin do mundo. Velaí o título do documental producido por Paco Lodeiro e dirixido por Xurxo Souto arredor da figura de Pucho Boedo no 2003. E acáelle ben o nome ao cantante coruñés, pois como di a voz en off do propio director no comezo do filme, Boedo tamén posuía esa estraña habilidade -como Sinatra ou Bing Crosby- de saber cantar amodo e poder esquecer os límites do compás para dedicarse a dicir sentimentos. Ademais, Boedo é a outra cara da moeda dos crooners ianquis, el é un mito creado alén das fronteiras dos medios de comunicación, unha estrela clandestina que xunto a non menos mítica orquestra dos Tamara percorreu Europa levándolles solaz ás comunidades galegas de emigrantes. Antes andara por Venezuela xa con Los Satélites, para traer ao torreiro da festa a música latina e poñer a bailar salsa as parellas que bailaban o agarrado, moito antes de que os medios de comunicación e a industria discográfica, aló nos USA, decidisen “inventar” o concepto.

Nado na Silva, no concello da Coruña, Boedo foi fillo e irmán de dous anarquistas fusilados na Guerra Civil e irmán dun outro que fuxiu e co que se reencontrou anos despois. Naquela Galiza escura da posguerra medrou e procurou na música o antídoto á barbarie e, ao igual ca Sinatra, foi a radio -no caso de Boedo, Radio Juventud- a que lle permitiu dar o paso á profesionalización, primeiro con Los Trovadores, despois de gañar un concurso de novos valores.

Boedo tiña un tema favorito, O vello e o sapo, que foi un dos que interpretou na súa derradeira aparición na novísima -na altura- TVG en 1985. Pouco despois finou e hai voces que criticaron aquela exposición mediática dun Boedo xa moi enfermo e que apenas era unha sombra do gran cantante que fora. Porén, aínda en decadencia podía deixar lóstregos da súa mestría, como ese tema. Xulgade vós

{fcomments}

AO VIVO

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.