A banda de Noia consolida a fusión como sinal de identidade propoñendo 12 temas que mesturan o folk-rock cos ritmos latinos e a tradición galega. Vacacións en Ornanda evoca a Galiza turistificada dos anos 90 e toma como referencia estética o desaparecido Hostal Azteca de Porto do Son. Desde o 8 de abril o disco pode escoitarse en todas as plataformas dixitais e está dispoñible a pre-venda en formato CD e vinilo.
Momboi estreou a pasada sexta-feira o seu primeiro LP Vacacións en Ornanda, un disco co que a banda de Noia consolida un son persoal no que mestura o folk-rock cos ritmos latinos e a tradición galega. Nesta ocasión, Momboi toma como referencia estética o desaparecido Hostal Azteca da praia de Ornanda, en Porto do Son, para traer á memoria a turistificación e a explotación da costa de Galiza dos anos 90. “A aura daquela sociedade e da s vacacións da infancia a 8 quilómetros da casa inspiraron a sonoridade e a estética do disco” di Brais Sánchez, voz, guitarra e letrista de Momboi.
Vacacións en Ornanda ve a luz tres anos despois do primeiro EP Ofrenda e logo do adianto en 2021 dos sinxelos ‘Acacias’ e ‘Teresiña’ . É un disco tenro que transita pola beleza dos lugares comúns ao compás de medios tempos e pasaxes melódicas . En total, 12 cancións que a banda tocou xa nalgúns dos seus directos, que gravaron no estudo de MaySound Producciones con Ángel Morandeira e masterizaron con Cem Oral en Berlín. “As letras e a música deste disco buscan conectar co medio natural e co noso lado máis humano”. Vincularnos coa esencia dos carballos e os feitizos de ‘Flores rotas’; co cheiro a roupa limpa e co mar en calma de ‘El Camino’.
Teresiña, xunto a Belém Tajes, foi o primeiro adianto do disco
Co novo LP Momboi regálanos un disco fermoso e emotivo que transitan por diferentes estilos sen amarrarse ás etiquetas. “Gústanos imaxinar que na música do futuro os moldes non racharán por completo se non que deles brotarán novos estilos.” Ese porvir é xa parte do presente de Momboi e dun primeiro disco longo que desde hoxe pode escoitarse en todas as plataformas dixitais e ten dispoñible a pre-venda en formato CD e vinilo en Bandcamp . Adem ais de Brais Sánchez, Momboi está tripulado por Daniel García 'Carba' (baixo e voces), André Garabato (teclado e sintetizadores) e Beny Mayo (batería).
No disco contan coa colaboración de Carlos Freire na percusión para dar vida á darbuka, ás congas, aos bongós e ás pailas e aos sons miúdos como as crótalos ou o shaker. Freire marcou o compás en todos os temas excepto en ‘Teresiña’, unha canción na que participou Edelmiro Fernández tocando o tamboril, a pandeireta e o bombo. Este mesmo sinxelo contou coa colaboración nas voces da cantante e compositora Belém Tajes, foi gravado no estudio A Ponte por Tomás Ageitos e mesturado polo músico Matías Unruh.
En Vacacións en Ornanda Momboi xoga tamén coa estética, propoñendo texturas e formas propias daquel tempo pasado na praia das Gaivotas. Hai contraste de cores (o branco do Hostal Azteca; as cores vivas da natureza), unhas tonalidades que os catro integrantes de Momboi visten na portada do disco grazas aos traxes de preciosos adornos florais cosidos a man por Manola Romay. Un vestiario que o equipo de MORDE inmortalizou coa cámara e que protagoniza os deseños da portada a cargo da deseñadora e ilustradora Agustina Shuan.
Desde 2020 Momboi forma parte do catálogo da distribuidora Urdime coa que en breve anunciará as datas dos concertos de presentación do disco. Datas que, entre outras localidades, inclúen ‘ Os xoves de Capela’ de Ferrol (12 de maio) e Cambados (10 de abril). Momboi naceu en 2018 coa gravación do seu debut discográfico Ofrenda (Bungalow Studios), un primeiro EP de cinco cancións. En 2020, a banda foi finalista do XII Certame Fran Pérez “Narf” para grupos e artistas musicais organizado pola Deputación da Coruña.
Escoita Vacacións en Ornanda