O can do inferno rexorde en forma de banda de metal. Urko é unha nova formación, integrada por vellos coñecidos da escena metaleira galega, coma Mario César (Túzaros, Invivo, Deseqilibrio Mental) nas voces e guitarra, Pat (Medomedá, Biribirlocke, Flúe) no baixo e voces e Rafa “Fulas” (Tungsteno, Flúe) á batería. A banda compostelá acaba de publicar o seu primeiro traballo “Capítulo I: Retorno do Abisal”, un EP composto por 4 temas, “Atlántida”, “Arrastra as cadeas”, “Illado” e “Retorno”, onde despregan a potencia da banda con temas xerados polo propio mito mariño do can do inferno abrollando das augas.

 Na súa estrea, a banda desprega unha experiencia sonora a modo de tributo aos alicerces do metal, dende a independencia e a propia identidade. Urko mergúllase nas raíces máis profundas do metal pesado dos anos 90, absorbendo a enerxía crúa e a intensidade do metal clásico con elementos contemporáneos.

O disco foi gravado (e producido xunto coa banda) por Diego López, entre marzo e abril de 2024 e masterizado por Iago Pico nos Estudos Pouland (Ames, Galiza). As ilustracións que conforman o deseño foron realizadas por Nando Vázquez.

Con textos en galego, coa inspiración da forza, a resistencia, a instrospección e o espírito transmitido polos mitos mortos, URKO ofrece unha narrativa poderosa e directa, coa capacidade de traspasar barreiras lingüísticas e mentais.

A través da súa música, URKO captura a esencia do metal en bruto, orgánico, underground, cun son contundente e emotivo. As súas armas son poderosos riffs e voces desgarradas, que teñen en URKO, máis que unha banda de metal, unha forza que impulsa a escena musical galega cara novos e escuros horizontes.

O disco foi presentado en directo na Sala Moon de Santiago de Compostela o pasado 28 de setembro. Agora, o 15 de novembro, Urko levará o seu novo disco até a sala Transilvania de Vigo.

Retorno, segundo clip de Urko, publicado hai un par de meses

AO VIVO

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.