O primeiro LP da artista galego-arxentina é un disco creado “para bailar”, no que teñen cabida a electrónica, o afrobeat ou mesmo o reggaeton Os coidados e a comunidade, os instrumentos de raíz, a natureza e a música electrónica son os ingredientes principais da proposta que presenta a gañadora do último Premio Martín Códax de Músicas do Mundo e Mestizaxe.

Catuxa Salom publicará o xoves 21 de novembro o seu álbum debut, nomeado Cāldo; un LP no que a artista galego-arxentina abre as portas do seu mundo para convidar ao público a bailar e a degustar un traballo que pon en valor os coidados e a importancia de tecer, desde a proximidade, unha rede de afectos.

A música electrónica, os instrumentos de raíz -dunha beira e doutra do Atlántico- e os elementos da natureza -especialmente a auga- son ingredientes principais deste Cāldo preparado por Catuxa Salom. A mestura que a artista vén avanzando e presentando paseniño en temas como Xa non ves, Amores rusos ou Ela cando baila -publicado o pasado 24 de outubro- faise efectiva nesta proposta, un disco cociñado na Ulloa pero que traslada mensaxes universais e que Salom marida con ritmos como a muiñeira, o afrobeat ou o dembow (reggaeton), pois este é un álbum creado para bailar.

Cāldo componse de nove pezas envoltas nun universo sonoro electrónico, nas que a creadora aborda cuestións coma o amor propio ou a liberdade, xoga con cuestións simbólicas e até canta no idioma francés. O disco, que Catuxa Salom servirá en directo no 2025, poderase escoitar nas principais plataformas dixitais a partir do 21 de novembro.

Videoclip de Amores Rusos, un dos adiantos do disco de estrea de Salom

Catuxa Salom

A fusión de ritmos indíxenas arxentinos, folclore galego e bases electrónicas enérxicas é a carta de presentación de Catuxa Salom, artista que irrompeu con forza na escena independiente coa publicación do seu EP Nunha aldea, sobre o achegamento ao mundo rural. Tras percorrer ducias de salas de concertos e festivais de toda España, e compartir escenario con artistas como Rozalén, El Kanka ou Sra. Tomasa, no 2024 acada o Premio Martín Códax da categoría Músicas do Mundo e Mestizaxe. Este outono publicará o seu álbum debut, ​​Cāldo, un traballo que ofrecerá, de novo, unha experiencia sonora envolvente e na que o sentido de tecer comunidade e os coidados estarán moi presentes.

AO VIVO

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.