A banda de rock muradá presentou o 21 de novembro o último adianto do seu novo álbum coa súa canción máis festiva e innovadora. No 2019, Deleiba presentábase ao público con El Último Eslabón e asaltaba escenarios coma o do Castelo Rock e o Caudal Fest. Co éxito de Erguerse, tiveron oco en citas coma o Tsunami Xixón e o Resurrection Fest 2023, ao mesmo tempo que cociñaban a lume lento o que será o seu vindeiro traballo. Despois de presentar o sinxelo O Mundo Ao Revés, volven á carga con Da Mesma Suor, a que quizais sexa a canción máis alegre do álbum.

A banda recalca que é “o exemplo máis extremo da evolución de Deleiba. Surfeamos entre o punk vertixinoso, as partes emotivas, o rock máis sólido e incluso os ritmos latinos do estribillo.” A temática acompaña a aura de felicidade que transmite a música. O anterior adianto presentaba a cara menos amable das relacións humanas, pero neste caso, en palabras da banda, “serve de contraste co Mundo Ao Revés. Aquí falamos de coidados e da amizade máis pura. De como compartir os éxitos, sortear as adversidades e superar as derrotas. Falamos da terra, da familia e da xente que escollemos. É unha canción de amor.”

Para isto, contaron de novo con Iago Pico (Tanxugueiras, Rayden, Nao) na produción do novo álbum. O produtor de Ames deixa a súa fonda pegada ao incorporar novos elementos musicais ao punk rock melódico de Deleiba. Do deseño encargouse Miguel Duarte, artífice de portadas de Tanxugueiras ou Dakidarría. Un videoclip ambicioso que ensalza a beleza de Muros e a actitude dos directos da banda. A banda volve contar co equipo de El Membrillo Studio, cunha gran produción baixo a dirección de Daniel Pérez Silva e que conta coa colaboración do Concello de Muros. Móstrase a viaxe da protagonista (Selene Romero) por distintos lugares das parroquias de Louro e Muros na búsqueda da súa identidade.A travesía remata coa actuación de Deleiba no emblemático Cine París de Muros. Participaron na rodaxe preto de 80 veciñas e veciños.

Novo álbum, nova axencia, novas citas

Ao Revés Do Mundo estrearase en xaneiro de 2025, cunha edición moi coidada en formato CD e estando presente en todas as plataformas dixitais. O álbum componse de dez cortes, oito deles en galego. Liberado de todo tipo de complexos, inclúe cancións críticas, cancións íntimas e cancións de amor. Será o traballo máis potente, melódico e elaborado da banda. Nesta tempada, Deleiba pasa a formar parte da axencia Toxo Verde. Grazas a esta alianza, veremos á banda presentar o novo disco en salas e festivais de todo o país durante o 2025.

AO VIVO

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.