O pasado 29 de xuño estreouse en Compostela o documental que repasa a escena death metal galega da década dos 90. Codirixido por Luis E. Froiz (Santiago, 1985) e Carlos Pensado (Camariñas, 1977), dous apaixonados do death galego que teñen tocado nalgunha banda do estilo, o documental dá a palabra a membros das formacións que encetaron con este xénero musical no país, algúns deles aínda en activo 20 anos despois.


O Auditorio de Galiza foi o lugar escolleito para a estrea da obra, que fai un percorrido polas bandas pioneiras do death metal galego, contra finais de década dos 80 e comezo da dos 90 do pasado século. Falan os propios protagonistas daquel movemento e cóntannos as relacións que existiron entre eles e as dificultades que pasaron para sacar adiante unha escena musical que se move por definición no underground e que practicamente é amateur en todo o mundo, agás algunha banda dos USA.

Absorbed, Dismal, os precursores S.O.K. e Detestor, Wisdom, Unnatural, etc. deixaron a súa pegada no death galaico e agora son os protagonistas deste filme que pretende botar luz sobre un movemento no que incluso os máis seareiros tiñan complicado atopar información sobre bandas ou discos.