Un ano máis chega o concurso musical Cantalingua, pensado para dar a coñecer entre o público máis novo a música que está a facer no noso país. A través deste concurso escóllense os grupos ou solistas que participarán nas actuacións das festas finais do Correlingua, unha marcha pola lingua que percorre 10 vilas e cidades galegas, que conta coa participación de miles de rapazas e rapazas de todos os ciclos educativos. O concurso, que gañaron Roger de Flor, Gendebeat, Zënzar ou Som do Galpóm en edicións anteriores, chega con algunha novidade relacionada co 150º aniversario da publicación de Cantares Gallegos.


Xa están dispoñíbeis en cantalingua.org as BASES da edición deste ano. Como novidade, a organización proponlles aos grupos musicar algún poema de Cantares Gallegos, co gallo do 150º aniversario da publicación da obra na imprenta Compañel de Vigo. Aquí vos queda a información enviada pola organización a GZmúsica. Lembrade que no noso Cartafol podedes descargar todos os temas das edicións de 2010 e 2011.

 Qué é o Cantalingua?

O Cantalingua é un concurso musical ideado polas entidades organizadoras do Correlingua: a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a Confederación Intersindical Galega-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e os concellos de LugoPontevedraVigo, en colaboración co portal de música en galego Komunikando.net.

 Quen se pode presentar?

Pois todos os grupos ou solistas de calquera estilo musical que manden unha canción en galego.

 Que hai que facer?

Moi sinxelo, só tedes que enviarnos unha canción en formato MP3 [obviamente en galego] baixo licencia Creative Commons e un correo electrónico ou teléfono de contacto a  Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. . As cancións serán colgadas nas páxinas Correlingua.org cantalingua.org para que poidan ser desfrutadas por todo o mundo.

Ademais do tema en formato mp3, mándanos a foto da banda e un breve texto de presentación.

Os temas deberán ser orixinais, quedando excluídas as versións. A temática das letras será completamente libre, pero non poderán ter contidos obscenos nin discriminatorios.

Importante: o prazo para enviardes os temas remata o 1 de abril de 2013.

Con motivo do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, a organización propón a todos os grupos que musiquen parcialmente ou completamente algún destes poemas (seguindo a 1ª edición. Pódense atopar todos os textos en www.cantalingua.org):

 

Poema nº 1: “Has de cantar...”

Poema nº 2:”Nasín cando as prantas nasen...”

Poema nº 7:”Un repoludo gaiteiro...”

Poema nº 9: “Campanas de Bastabales...”

Poema nº 11: “San Antonio, bendito...”

Poema nº 13: “Adiós, ríos; adiós, fontes...”

Poema nº 19: “Non che digo nada...”

Poema A gaita gallega, parte IV

Poema nº 30: Alborada (poema 30 do libro)

Poema nº 31: “Eu cantar, cantar, cantei...”



Os gañadores

Os grupos ou solistas gañadores serán elexidos baixo un sistema mixto de votación popular vía Internet, mais un xurado integrado por alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato. Os nomes dos gañadores serán coñecidos ao redor do día 15 de abril.


Mais… hai premio ou non hai premio?

Por suposto que o hai! Como sabemos o difícil que é para os grupos galegos facer concertos, ese será o noso premio: 10 concertos para o Correlingua 2012, que se repartirán os tres primeiros grupos ou solistas clasificados no concurso.

Estas actuacións terán lugar entre os días 2 e 16 de maio de 2012, e contarán cunha remuneración económica de 600 euros por actuación.

Todos os concertos serán pola mañá e terán unha duración aproximada de media hora e deberán ser integramente en galego. No caso de que algún dos gañadores non puidese participar nalgún dos concertos, a lista iría correndo ata completar todas as datas cos grupos que queden entre os 10 primeiros.


E lembrade…

Aínda que soe a tópico… no Cantalingua o importante é participar. O obxectivo non é acadar un premio, senón espallar a música das bandas galegas -a vosa música- entre o maior público posible. Por iso vos pedimos a todos os grupos amateurs e profesionáis, aos rapaces e rapazas, profesorado... PARTICIPADE! Axudádenos a dar a coñecer a música en galego entre os máis novos. Todos sairemos gañando.