Cun comunicado colgado nas redes sociais, Berrogüetto anuncia a súa disolución despois de 18 anos de andaina. 5 discos e un disco-libro, moitos concertos e o orgullo de levar a música do país polo mundo adiante, queda como bagaxe dun dos grupos senlleiros da música galega e, desde logo, unha das formación máis importantes do folk mundial dos últimos anos. No seu comunicado, que reproducimos integramente no interior deste artigo, adiantan que darán unha pequena xira polas vilas máis importantes do país para se despedir dos e das súas seareiras.

Nados das cinzas dos Matto Congrio -formación imprescindible para entender o folk galego dos últimos 20 anos e da que tamén xurdiu Carlos Núñez- os Berrogüetto convertéronse xa desde Navicularia (Do Fol, 1996) nun referente da música galega. Agora, despois de case 20 anos de andaina deciden separarse. En GZmúsica non podemos negar unha sensación de tristura diante da separación dunha das mellores bandas que ten existido nunca neste país, mais ficamos coa esperanza de que a xente que forma parte da banda, -por rebuldeiros-, non han quedar de brazos cruzados e agardamos que axiña, -alén de en formacións coma Espido ou aCadaCanto-, poidamos volver gozar deles noutros grupos.

O que si que semella difícil é que algunha formación volva xuntar algún día tanta calidade como a que podemos atopar en Berrogüetto. Moitas grazas polas alegrías que nos destes, Santi, Guille, Anxo, Quim, Quico, Xabier, Suso, Guadi, etc.

Aquí vos deixamos o comunicado que subiron ás redes sociais:

"Despois de 18 anos de carreira ininterrumpida, Berrogüetto anuncia a súa disolución. Facémolo cun sorriso, satisfeitos polo traballo realizado e polos obxectivos acadados. Logo de 5 discos e un libro-disco editados e un bo feixe de inesquecibles concertos, poñemos fin á nosa carreira como grupo, conscientes e orgullosos do compromiso mantido sempre coa música e a cultura do país, guiándonos únicamente polo noso afán creativo e o noso propio e inconformista universo musical. Non podemos nin queremos deixar de agradecer o apoio recibido por parte da crítica e, de xeito especial, das nosas familias e do noso público. Todos eles fixéronnos sentir o seu alento e apoio ao longo de todos estes anos de andaina musical, nos bos e nos malos momentos. Tentaremos corresponder á vosa incondicional fidelidade da maneira que mellor sabemos, cunha pequena xira de despedida por algunhas das vilas máis importantes do país, que anunciaremos no seu momento. Grazas a todas e a todos!"

Berrogüetto en Cambrigde, hai 11 anos

'Astro de Pedra', composta para Cabreiroá, un dos últimos temas que coñecemos da banda


{fcomments}

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.