Marful despídese. Farao con dous concertos nestes primeiros días de outubro, que porán fin a 14 anos de andaina. Co seu adeus, perdemos unha das formacións máis interesantes da música galega do século XXI. Calidade e innovación que traían aquí e agora vellas músicas para as interpretar dun xeito contemporáneo. Aquí tedes a nota que publicaron na súa web, anunciando a despedida.

Na web de Marful apareceu o 30 de setembro este texto, anunciando o fin dun traxecto de 14 anos.

Despois de catorce anos de camiños, nos que puxeron en valor o patrimonio musical urbano da Galiza. De catorce anos de viaxes, nos que restauraron para un novo público os innumerables salóns de baile espallados polo país. De catorce anos de descubrimentos, nos que levaron a súa música a centos de lugares silenciados polo tempo e pola historia. De catorce anos de expedicións, nos que trouxeron a emoción e a intensidade das músicas de ultramar aos palcos galegos. De catorce anos de seren auténticos pioneiros no achegamento da cultura galega aos templos da música, como a Casa da Música do Porto.

Marful quérese despedir do seu público con dúas citas que prometen inesquecíbeis: O vindeiro mércores 8 de outubro, as 20:00h na Praza de Santa María de Lugo, no marco das festas do San Froilán, concerto co Sexteto, xunto a José Manuel Díaz, ao contrabaixo e Leandro Deltell, á batería. E o venres 10 de outubro, nunha cita máis íntima, as 21:00, concerto no Hotel NH Collection Santiago, na Avenida do Burgo das Nacións. As entradas para esta cita estarán á venda no propio Hotel e no restaurante O 16, na rúa San Pedro de Compostela.


{fcomments}

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.