Despois de tres meses de parón por motivos persoais, a banda de Ponteareas volve aos escenarios. Fárano acompañados polos McOnak, banda vasca de punk-folk que vén a Galiza por vez primeira e faino para presentar Galarrena, o seu segundo traballo. Onte tivemos a ocasión de falar un pedazo co Joseba, un dos integrantes de McOnak, que nos contou que poderemos ollar hoxe na Fábrica de Chocolate.

A cita é ás 22:00h -con máxima puntualidade obrigada polos horarios marcados polo concello de Vigo- e os primeiros en saltar ao escenario serán os do Condado. A banda de punk-ska leva uns mesiños parada e volve con máis ganas ca nunca. Despois de presentar o novo disco, Abríndose camiño, en xuño de 2015 e de tocar no verán en festivais coma o Son das Mámoas de Candeán ou o Castelo Rock de Muros agora será a quenda para poder seguir gozando do convite ao baile e das letras directas dos bretemosos Skándalo GZ nas salas ou locais do país.

Despois dos galegos, chimparán ao escenario da sala viguesa os McOnak. A banda de Lekeitio vén por vez primeira ao noso país e faino para presentar o seu segundo disco de estudio, Galarrena (Galerna, en galego), gravado nos estudios Musikon de Mungia e Altxatune de Aulesti, da man dos irmáns Txortx e Pitu Etxaberrieta e presentado na feira do libro e do disco de Durango no mes de decembro de 2015. Os lekeitiotarras comezaron andaina hai 4 anos, cando se comezaron a xuntar Kemen e Joseba para facer versións de grupos de punk-rock e folk e mais argallar os primeiros temas de seu. Apenas nun par de anos novos membros entraron na banda e gravaron a súa McEta coa que comezaron a xirar por toda Euskal Herria.

Tivemos a ocasión de parolar un chisco onte con Joseba que nos apresentou o que vai haber esta noite en Vigo. Segundo o guitarrista e cantante de McOnak, a banda nace cun pouso claramente punk-rock presente en todos os seus membros -que participan ou teñen participado noutras bandas dese estilo ou doutros coma o reggae- ao que decidiron unirlle sons celtas, na liña de formacións coma The Pogues ou Flogging Molly. O Joseba explicounos que, alén dos seus gustos, entenderon que estes estilos eran os máis acaídos para a temática mariñeira que é unha constante nas letras dos McOnak. De feito, o propio nome do grupo refírese a un peixe típico das costas vascas de escaso valor comercial -do que Joseba non soubo darnos tradución, nós dubidamos entre muxos ou lorchos :P- e as referencias ao mar, aos mariñeiros, etc son constantes tanto na súa estrea discográfica Piraten Matxinada (A revolta dos piratas, en galego) coma neste Galarrena que veñen presentar hoxe. Nunha liña máis contundente ca outras bandas vascas coma Deiedra ou os históricos Sorotan Bele, o seu estilo é semellante ao dos Bastards on Parade, cos que van compartir escenario dentro de pouco no País Vasco. 

Xa que logo, noite de ska, punk, folk e mesmo country da man dos galegos Skándalo GZ e os vascos McOnak por apenas 6 euros na Fábrica de Chocolate. Aquí vos deixamos un videoclip dos de Lekeitio, non digades que non se parece a ISTO.

{fcomments}



Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.