Terbutalina levaban anos dándolle voltas a un proxecto, do que apenas quixeron contarnos nada -como por outra banda adoitan facer con nós- mais do que por fin sabemos algo máis. Preguntámosllelo hai dous anos no Revenidas e non arriaron nada pero agora podemos afirmar que a Terbualdea vai ser unha realidade. A banda de Muros con algún membro de Esteiro vai comezar mañá mesmo un VERKAMI para poder adquirir unha propiedade para reformar na Costa da Morte. O vello proxecto dos punks da Barbanza, un lugar con prohibición do sexo indoor e un concerto de Terbutalina a diario axiña será unha realidade.

Galiza, 1 de abril

O mesmo Samuel L. París confirmóunolo onte á noite, despois de empenecármolo con licor de arandos en cantidades perigosas. A propiedade é ESTA, e está situada nunha paradisíaca paraxe da costa coruñesa. Mañá mesmo comezan un proxecto de micromecenado co que pretenden, de principio, recadar os cartos para poder mercar o predio. De seguro que os e as TerbutaFans rañan o peto e nos dan os miles de euros precisos, afirman desde a banda, ademais as recompensas van ser incribles. Coma sempre moi tímidos e reservados, desde o grupo non queren adiantar moitas das recompensas, pero nos mentideiros muradáns fálase de fotos eróticas dos membros da banda, dunha guitarra asinada polo técnico de son -o único que vale a pena, na opinión dos propios membros do grupo- e algunha outra sorpresa que non queren desvelar. 

Nesta casa querían facer o local de ensaio da aldea, pero decidiron que ensaiar era de covardes

O cantante Migui Terbutalino é o menos esperanzado co proxecto. Isto vai acabar como a matanza dos davidianos en Waco, xa miraredes, comentounos. Na visión apocalíptica do cantante de Terbutalina, o grupo e os fans acabaran atrincheirados na Terbualdea, coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado entrando a ferro e lume e masacrándoos a todos. De algo hai que morrer, tamén, afirman desde a banda. Xa nos tarda que comece o proxecto de crowfounding e poder facer a nosa humilde achega para que este proxecto vexa a luz. De feito, o gzmusiqueiro máis terbutalínico, o Víctor, leva desde onte diante da pantalla do ordenador, coa páxina de Verkami aberta, a agardar que publiquen o proxecto. Vou ser o primeiro en dar cartos, afirma o noso compañeiro.

Extracto da entrevista en Revenidas onde lle contan -pouca cousa, a verdá- ao Víctor algo da Terbualdea.


{fcomments} 


Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.