Despois de 23 anos de andaina, o grupo de gaitas Os Abrentes de Cerdedo pisa un estudio de gravación para deixar recollida de forma dixital unhas pezas do seu repertorio. Publícanse en internet cinco temas, onde tres deles foron gravados neste ano 2017 en Vigo. Con esta gravación, o grupo de gaitas intenta amosar o seu traballo buscando a maior naturalidade nunha gravación realizada nunha tarde de sábado para amosar a súa frescura e espontaneidade.
Dentro mundo da música tradicional, os grupos de gaitas non se adoitan prodigar moito á hora de facer gravacións. Por unha banda, non son comúns as pezas de autoría propia nestas agrupacións, como si o poden ser noutras formacións que si combinan a recollida cos temas propios, co que o enfoque ás máis das veces está centrado no directo, na feitura que lle dan aos vellos temas. Por outra, o numerosos que soen ser fai que queden á marxe dos estudios na casa que están a favorecer os centos de gravacións noutros eidos da música galega.
Por iso, é unha ledicia que unha formación como Os Abrentes de Cerdedo decida deixar constancia do seu quefacer neste case cuarto de século que levan arando no rego da música de noso.
Dentro desta pequena gravación podemos atopar os seguintes temas:
1. Pasarrúas de Padróns (2017) Do autor J. Carlos Estévez, unha peza que forma parte do repertorio dende o ano 2016. Publicada polo mesmo autor no libro-cd “Tradicionalmente”.
2. Foliada de Barro de Arén (2017) Peza máis que coñecida dentro do mundo tradicional, xa Os Gaiteiros de Soutelo utilizarona nunha das súas gravacións e, como non, Os Abrentes non podían deixar pasar esta oportunidade para deixar plasmada a súa versión desta peza. Na participación do programa Alalá da Televisión de Galicia, no ano 2009, tívose a sorte de poder gravala coas Pandereteiras de Barro de Arén, na Eira da Pena (Cerdedo).
3. Pasodobre de Cerdedo (2017) Composta e adicada polo mestre de música José Luis Represas Carrera no ano 1998. Foi unha das pezas que o grupo de gaitas gravou tamén para o programa Alalá da Televisión de Galicia no ano 2009. Destacamos desta composición a última parte, unha muiñeira para completar unha obra.
4. Como che vai miña rosa (2009) Nos máis de 10 anos (2003-2015) nos que o as Pandereteiras de Barro de Arén permitiron compartir o seu local de ensaio, Os Abrentes tiveron ocasión de achegarse con elas á tradición máis pura, a que ven directamente dos nosos devanceiros. Nese tempo puideron desfrutar de moitos momentos de música compartidos, e o mesmo tempo aprenderon moitas das pezas do seu repertorio. Froito desta interacción foi a gravación de “Como che vai miña rosa”, feita no ano 2009 nos estudios Phonos da Estrada, co motivo dunha aparición conxunta dos Abrentes e As Pandereteidas de Barro de Arén no programa Luar da TVG.
5. O Manoliño (2013) Forma parte do repertorio do grupo de gaitas case dende o principio da formación da mesma, adaptada tamén en formato charanga tradicional onde lle engaden instrumentos coma o saxofón alto ou clarinete, xogando con diferentes liñas melódicas que completan a harmonía que fai de base o acordeón e tamén unha base rítmica cunha caixa de banda de música e un bombo con pratos. Esta caixa de banda de música foi do músico cerdedense David Paz (1901-1980) e foi ben conservada pola súa filla Yemina. Na actualidade é propiedade de Manuel Campos, un dos gaiteiros do grupo de gaitas. No libro As bandas de música de Cerdedo (autor: Manuel Campos) poderemos atopar máis información sobre este músico: "Esta versión sobre a colaboración de David Paz cos Gaiteiros de Soutelo ven corroborada polo que nos relatou o músico case centenario, e recentemente falecido, Antonio Varela: “David foi bastantes veces co Gaiteiro de Soutelo a tocar a caixa porque lle morrera o irmán, o que a tocaba. E penso que David foille tocar cando foron ó estranxeiro.” Pola contra, cando falamos deste asunto con Avelino Alberte, Diplomático do Acordeón e bisobriño do Gaiteiro de Soutelo, comentounos que lle parecía estraño que o seu avó botase man doutro tamborileiro que non fose o da familia, xa que era un home moi peculiar para este tipo de cousas. Avelino Alberte propuxo a posibilidade de que tal vez con quen tocou David foi unicamente con Castor Cachafeiro, irmán do máis afamado gaiteiro Avelino Cachafeiro."