



Narco, Fillas de Cassandra, Sons of Aguirre & Scila, 9Louro, Bob Vylan e Dakidarría incorpóranse ao cartel do Revenidas
O festival de Vilaxoán tamén anuncia a presenza de De Ninghures, Malifeta, Queen Rendi e Matah Os abonos están á venda na web revenidas.com a un prezo de 66 euros (+gastos de xestión)
O festival Revenidas, que se celebrará en Vilaxoán do 10 ao 13 de setembro de 2026, incorpora dez novas bandas ao seu cartel, cunha destacada presenza de propostas galegas. Neste novo avance, o Revenidas anuncia a presenza de Fillas de Cassandra, que presentarán en Vilaxoán o vibrante directo de presentación de Tertúlia, así como a da figura emerxente máis importante da nova escena galega, o muradán 9Louro. Tres estilos moi diferentes pero perfectamente harmonizables representan De Ninghures, co seu tradi contemporaneizado, Queen Rendi, coas súas achegas ao dancehall e ao urbano, e Dakidarría, co seu rock mestizo sempre combativo.
Dende terras levantinas chegan Malifeta, a nova banda formada por Arnau (ex Zoo) e Mireia (ex Pupil·les), e tamén de alí proveñen Sons of Aguirre & Scila, unha proposta que combina o metal co rap alternativo. Dende a Barcelona máis underground virán a Vilaxoán Matah, a que fora durante unha década vocalista de La Kinky Beat. E dende Sevilla chegan os históricos Narco, que este ano están a celebrar o seu 30 aniversario cunha serie de concertos especiais. A presenza internacional neste terceiro avance do cartel do Revenidas é a de Bob Vylan, un dúo londinense que só con batería e voz é capaz de combinar a enerxía crua do punk rock coas rimas afiadas do hip-hop.
Estes once artistas e grupos veñen a sumarse aos xa anunciados con anterioridade: The Rapants, El Drogas, La Gossa Sorda, Evaristo, Rebeliom do Inframundo, Kumbia Queers, Ilan Amores, Arrhythmia, Süne, Nadie González, Sara Hebe e The Salsa Punk Orkestra. En vindeiras datas o Revenidas anunciará algunhas das citas do seu programa de actividades paralelas.
NARCO Naceron en Sevilla, no barrio obreiro da Macarena, nunha contorna marxinal. Armarse con guitarras e micrófonos foi o xeito que tiveron de enfrontarse a aquela situación en modo de denuncia. Desde entón non deixaron de plantar cara ao poder, xa sexa político, relixioso ou económico. Este ano chegan ao Revenidas para celebrar o seu 30 aniversario, que xa conmemoraron con reedicións de material antigo e o lanzamento dun libro e dun disco en directo
FILLAS DE CASSANDRA A presentación, o pasado mes de maio, do directo do seu novo disco, Tertúlia, marcou un punto de inflexión na traxectoria de Fillas de Cassandra. Non só porque neste segundo disco María Soa e Sara Faro se acheguen a novos e máis complexos territorios sonoros, senón tamén polo protagonismo do concepto escénico que ten esta xira. Cun espectáculo xa rodado, o Revenidas será o escenario perfecto para demostrar ata onde é capaz de chegar a capacidade de fascinación que provoca este dúo.
SONS OF AGUIRRE & SCILA Da fusión do trío valenciano de rap combativo Sons of Aguirre e banda alacantina de metal Scila nace este proxecto, vertebrado pola vontade de denunciar inxustizas sociais, políticas e económicas. Con letras irónicas e críticas afiadas, este explosivo colectivo consolidouse como unha voz incómoda e necesaria na escena alternativa española.
9LOURO Hai un par de anos Martín Louro era un rapaz de Muros que con 19 anos facía cancións na súa habitación para calmar o seu desacougo emocional. Hoxe enche grandes prazas e recintos, convertido no referente principal da nova escena urbana galega. Que pasou polo medio? Que publicou dous discos vomitados dende o corazón e de variada policromía sonora, nos que o mesmo teñen cabida o rap que a electrónica, a cumbia ou o reguetón, que conectaron dun xeito arroiador con toda unha xeración.
BOB VYLAN É un dos dúos máis revolucionarios e incendiarios da escena musical británica actual. Orixinarios de Londres, funden de xeito salvaxe a enerxía crua do punk rock coas rimas afiadas do hip-hop. Cunha proposta sen filtros e unha atípica formación de voz e batería, canalizan a súa rabia contra o racismo, a desigualdade social e a corrupción política. O seu directo é unha descarga de pura adrenalina e compromiso social. Esencia punk para os novos tempos.
DAKIDARRÍA Non importan as veces que a banda do Val Miñor teña estado no Revenidas, que xa son unhas cantas, porque nunca defrauda. Os seus concertos son xa un sinal de identidade do festival de Vilaxoán, onde teñen protagonizado noites memorables, como aquela do 2023 na que gravaron o concerto especial polo seu 20 aniversario. Dakidarría retornan ao Revenidas para facer o que mellor saben: prenderlle lume ao ambiente cunha imbatible colección de himnos que o persoal baila e corea sen descanso.
DE NINGHURES Foron un dos grandes triunfadores do 2025. O seu disco, Feira, foi o gañador do premio á mellor produción discográfica nos Premios da Industria Musical de Galicia, e tamén do premio MIN ao Mellor Disco en Galego. Pero máis alá dos galardóns, De Ninghures consolidáronse como unha proposta capaz de actualizar a música tradicional galega de xeito orgánico, sen abusar do recorrente recurso á fusión coa electrónica. Con sete músicos no escenario, os seus directos son unha permanente invitación ao baile, unha auténtica feira.
MALIFETA Arnau (ex Zoo) e Mireia (ex Pupil·les) son os fundadores desta banda, da que agora tamén forman parte Ana Rajadel e os tamén membros de Zoo, Toni Fort, Marcos Úbeda e Hèctor Galán. Malifeta chegan a Vilaxoán para presentar en directo o seu segundo disco, Brega, con cancións que falan de bregas políticas e culturais, pero tamén íntimas e persoais, sobre bases musicais nas que teñen cabida o rap, a electrónica, toques de pop e música tradicional.
QUEEN RENDI Aínda que toledana de nacemento, vive no barrio compostelán de San Pedro dende hai máis dunha década, e dende alí lanzou Zorra despiadada, o seu primeiro disco como Queen Rendi, cantado en galego e en castelán. Cancións con ritmos moi bailables que sentan as súas bases no rap e o hip hop pero que tamén se achegan ao trap, aos ritmos urbanos latinos, á cumbia, ao merengue e ao dancehall. Sempre con moita sátira, moita retranca e moita ironía para ridiculizar situacións que case sempre teñen que ver con actitudes machistas ou con chamadas ao empoderamento feminino. Pero non dende un sentido tráxico senón dende o humor.
MATAH Matah é unha cantante de música urbana que iniciou a súa carreira no seo da escena underground da música en Barcelona liderando durante unha década La Kinky Beat, banda coa que chegou a actuar en festivais europeos e latinoamericanos tan nomeados como Glastonbury, Dour Festival, Womex ou Rock ao Parque, en Bogotá. Agora chega tamén ao Revenidas para presentar o seu primeiro álbum en solitario: Sound, unha viaxe pola cultura do reggae e o universo do Sound System.

Creado por Ignacio Heredia, ao que non coñecemos pero estamos moi agradecidos. FONTE: https://github.com/IgnacioHeredia
Na xornada do venres 9 de xullo, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira acolleu no Escenario Estrella Galicia a gran final do seu emblemático Concurso Runas. Nesta edición, o...
O artista viveirense publicou o pasado 10 de xuño o seu novo EP, 6 a.m.ORES, un traballo composto por seis cancións no que experimenta con ritmos novidosos no seu repertorio, afastándose...
PALCO é o novo escaparate sectorial da música impulsada desde Galicia, que terá lugar do 3 ao 5 de novembro de 2026 en Santiago de Compostela, na Cidade da Cultura e noutras salas e espazos de...