García MC é o nome artístico de Serxio Regos, rapeiro e MC de ampla traxectoria na escena hip hop galega dos últimos 20 anos. Membro fundador de Ghamberros e Dios Ke Te Crew, dos que formou parte desde o seu inicio no 2003 até o 2016, actualmente lidera o seu propio proxecto á fronte da banda Nación Quilombo.
Xa desde moi novo na vila de Ordes comezou a rapear e a integrarse na cultura hip hop da vila, moi intensa na altura en Ordes, onde as diferentes manifestacións artísticas vinculadas ao hip hop florecían da man da xeración de rapazas e rapaces nados nos anos 80 do século pasado. Estivo na xénese de Ghamberros xunto a Jamas e posteriormente na de Dios Ke Te Crew, cando os anterios se xuntaron con Mou, Sokram e DJ Murdock. Foi grazas ao éxito que obtivo esta última banda xa desde os seus comezos o que o deu a coñecer a García no público galego.
Ademais da súa andaina no hip hop, García Mc ten colaborado con moitas bandas galegas como Kastomä ou Dakidarría non pertencentes a ese universo e de feito foi membro de Labreghos do Tempo dos Sputniks desde a súa estrea en 2007.
En 2012 saca o seu primeiro disco en solitario, Abaixo e de pé, que presenta en lugares como Dinamarca, Cuba ou México. Nesa época, aproveitando ademais un tempo en que os DKTC estaban en stand by, García dálle unha volta ao proxecto dos Labreghos do Tempo dos Sputniks, xunto co Leo e a incorporación de Lydia Botana, e até chegan a publicar o único traballo discográfico da banda.
Despois da súa saída de DKTC en 2016, García MC vólvelle dar pulo ao proxecto en solitario, primeiro cun compilatorio dos seus 20 anos en distintas bandas e despois con varios discos con Nación Quilombo, formación que lidera desde 2018 e da que xa falamos daquela en GZmúsica.
Abaixo e de Pé (2012)
20 anos da palabra que anda (2018)
Arquipélago Quilombo (2021)