En Lugo nunca hai nada, disque. Ou nunca había, pois despois desta edición da Candeloria na cidade das murallas xa non se pode dicir que a capital do interior sexa un lugar onde nunca acontece nada. O responsable desta metamorfose foi un festival que deitou 48 horas de música, festa e un moi bo ambiente pola cidade. O melloriño da música nacional e estatal xuntos no Pazo de Feiras e Exposicións. Rock, hip hop, metal, pop. Sesión vermú, Cantos de Taberna vespertinos e troula nocturna. De todo e todo bon na Candeloria 2015. Aquí tedes a nosa visión e unha fotiños. Ah! E lembrade que MAÑÁ venres 6 de marzo, estará online o Especial GZmúsica TV A Candeloria 2015.

Recibiunos a chuva en Lugo o venres á noite. Non había frío, o que para xente pesca coma nós é de agradecer pois non estamos afeitos ás friaxes do interior...e menos se no festival non che hai licor café. Chegamos xustiños -a correr, vaia- para ver sobre o escenario os nosos compañeiros Lety GF e Gende abrindo o festival.

Xenderal gústanos moito -e non é "peloteo" para cos compis- pois é unha proposta orixinal no país. Moito raggamuffin, moi bo flow e unha letras que van alén do tópico para abrir o festival. Despois foi a quenda dos Terbutalina. Invasión de escenario á parte -se non o fixeches, vai XA mirar o vídeo de guieiro.com- os Terbutalina demostraron que se están a acoplar moi ben ao novo batera... outra cousa é se o corpo e o cerebro lles vai aguantar o ritmo serbio que se marcan. Van a muerte cada día e a pasada fin de semana Oviéu, Lugo e Burela foron testemuños mudos da súa carraxe enriba e embaixo dos escenarios. Só agardabamos que non rematen por se autodestruír en calquera dos seus concertos, porque o certo é que Terbutalina están a anos luz do resto de bandas galegas...e do resto da poboación galega en xeral, e non falamos -ou non só- de cualidades musicais. Se acaso, das espirituais. No estritamente musical, que tamén é importante nunha banda que soa máis a garaxe a cada paso, apareceron xa algúns dos temas novos dese disco do que non nos queren dar a exclusiva do nome...han saber que lla gardamos.

E despois dos de Muros -ou Esteiro, que un xa non sabe- saíron Nao. Semella que á banda lle sentou moi ben o Premio da Música do país na categoría Metal e malia o cambio de baixista -despois da saída de Paul por motivos laborais- para nós foron os mellores da primeira noite. Tamén é verdade que nos saltamos Boikot e non estamos en condicións de contarvos moito do concerto de Liviao, aos que lles pedimos desculpas pois entre a hora, o alcohol e o pouco que duran as baterías das cámaras non temos proba gráfica nengunha de que pasasen pola Candeloria. 

Impresionante a xente toda cantando o Zeca vía Nao, probablemente o mellor de todo o festival.

Non nos preguntedes polo DJ porque non sabemos del. Foi noite de reencontrarse con moitos amigos e a cousa rematou case de día, perdidos polas rúas molladas de Lugo. Un 4% de batería e unha indicacións difusas dun predio cunha estada dediante conseguiron que algún dos do equipo gzmusiqueiro non rematase durmindo ao pé da muralla.

E despois, que?

Pois 3 horiñas de cama e procesión de mortos vivintes por Lugo na procura do Clavicémbalo, para a sesión vermú. Ben, primeiro houbo que parar nunha panadería a meterlle un anaquiño de empanada de zorza para sobrevivir...e de paso ver como as señoras afastaban os nenos de nós. Elas verán, as apariencias enganan e aínda que cheirásemos a alcohol e estivésemos sucios, de certo que somos máis de fiar ca os catequistas aos que lles deixan tranquilamente as crianzas as mañás dos domingos. Mais aquilo era a mañá dun sábado e Lugo évos capital de provincia, así que aos nenos non lles deixaron saciar a súa curiosidade infantil diante daqueles estraños seres, con barba e idade para ser os seus pais mais co aspecto do seu irmán maior cando chega á casa os sábado pola noite. 

Todo mudou no Clavi. Nada máis entrar pola porta, xa sabiamos que estabamos de novo no noso hábitat. A benvida que nos daban na porta as e os valentes que foran de reenganche prometía, se ben dentro do local había de todo. Máis mañaneo  e tamén moita xente que se erguera para mirar a Alberto Busto e Ataque Escampe na sesión vermú. Ao primeiro só chegamos para saudalo e as segundas pouco menos, aínda que nos deu tempo a verlles 5 ou 6 temiñas. Pouca diferenza co concerto que lles miraramos no Salason hai uns días. Formato acústico, só 4 integrantes, o público coreando os temas. Igual un pouco pop para min -eu non son tan fan como S. Murias, á que se lle viu o plumeiro na crónica do outro día- pero quen non flipe con algunha das súas letras, non ten corazón para a popesía galega. 

Xantar na pulpería Lor e Cantos de Taberna no barrio da Ponte pola tarde. Tampouco moito que contar sobre eles, pois as poucas horas de sono fixeron que apenas pasásemos a asinar para que non nos puxesen falta...e para a cama. Iso si, cando espertamos á noite o corpo pedía guerra de novo. Comezaba a segunda noite da Candeloria.

O esquema desta segunda xornada era moi semellante ao da primeira. Para abrir, hip hop do país. Desta volta, SOKRAM, acompañado coma no resto de concertos deste Chuvia Ácida Tour por Mou nas bases e ao micro nalgún tema e os Alto Asalto nun par de cancións. Gustounos máis ca no Aturuxo, vese que xa leva máis concertos con esta proposta que fai recaer moitísimo nos ombreiros do Mc que pasa moita parte do tempo enfrontado en solitario ao público exclusivamente co seu micro.

Despois, os Ruxe Ruxe. Parece que neste 2015 os de Aríns van seguir coa liña do ano pasado, onde volveron demostrar por que están considerados unha das mellores bandas de rock galego de todos os tempos. No seu show de sempre inseriron temas do traballo que van presentar na Capitol o vindeiro 18 de abril e tamén moitos do disco do ano pasado. 

Ah, tamén prestou ver de volta o Sevi coas baquetas despois dos problemas físicos que o tiveron apartado o ano pasado dos escenarios.

Tocáballe subir ao escenario aos Habeas Corpus. Os españois levan moitísimos anos dando tralla por todo o estado e se ben teñen uns discos guapísimos a verdade é que en directo sempre me defraudaran. Tiña moi mala lembranza dun concerto deles hai moitísimos anos nun Rebolo Rock en Bueu e tamén doutro concerto no monte Xalo, onde soaran mellor mais no que non conseguiran para nada conectar coa xente. Desta volta soaron razonablemente ben, -en xeral, todas as bandas do sábado soaron mellor ca as do venres, vese que os do son lle ía collendo o xeito a un recinto tan infernal para a música como semella o Pazo de Feiras-, mais non puiden tirar a sensación de que xa andan un pouco de volta de todo, cubrindo o expediente para os máis incondicionais e pouco máis.

A Candeloria remataba e era a quenda dos da casa. Arrhythmia saíron ao escenario do Pazo con ganas de demostrar que en Lugo tamén hai bo rock en galego e conseguírono de vez. Actitude no escenario e ganas de dar o nivel nun escenario no que viñan de tocar Ruxe e Habeas e no que ían saír Los Chikos del Maíz. O trío lugués repasou o pouco que ten publicado, III, o que está a piques de saír, II, algunha outra peza propia que aínda non gravaron e até tiveron tempo para se atrever con versións roqueiras, ben secundados neste transo por Miguel Duarte, máster guitarreiro dos Ruxe Ruxe.

E para fechar a noite, co permiso do DJ, Los Chikos del Maíz. Hip hop contestario desde Valencia, con letras que por veces lles trouxeron problemas neste Estado post-fascista que sufrimos pero que tamén lles fixo ser moi coñecidos para moito público que non escoita rap. Viñan moi cansos despois de dous concertos a mesma fin de semana en Euskal Herria, un á 1:30 do mediodía do propio sábado, pero demostraron profesionalidade e ganas de actuar ao vivo cun concertazo que rematou alén das 5 da mañá. Bandeiras suízas, apoio ao estudantado galego represaliado por protestar polo que lles cae enriba, pero hai máis nos Chikos ca letras reivindicativas. Como nos contaron na entrevista que lles fixemos para o GZmúsica TV que sae mañá, gustan de envolver a súa crítica con boas bases e un espectáculo de calidade.

E máis nada. Ou nada menos. Desde logo, temos que dicir que o pasamos moi ben na Candeloria, malia o tute de traballo que nos demos para o programa da TV, fotos, etc. Só nos queda parabenizar á organización por ser tan tolos como para montar este festival en Lugo en febreiro e tan profesionais como para sacalo adiante con folgura e sen grandes problemas. Todo é mellorable, obviamente, e de seguro que para outras edicións os pequenos erros que houbo serán corrixidos mais estas pequenas anécdotas son normais cando ves a idade dos que se enlearon a montar esta algarada en Lugo. Se non es un rapaz de vintepoucos anos non se che ocorre montar un macro-festival coma este na cidade na que nunca hai (había) nada.

Aquí quedan unhas poucas fotos. E lembrade, mañá temos na rede o GZmúsica TV A Candeloria 2015. Non deixes de velo!!!!

{artsexylightbox picasaUser="gzmusicaweb" picasaAlbum="Candeloria2015"carousel="true" carousel_visible="4"}{/artsexylightbox}

Texto e fotos: lavesedo

{fcomments} 



Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.