Grupos

O grupo Os Minhotos presentou o pasado día 14 no Pazo das Pombas de Lugo o seu traballo discográfico Pinga d'auga. O disco contén doce temas nos que o grupo mestura gaitas en diferentes tonalidades, acordeón, zanfona e multitude de instrumentos de percusión tradicional. Pinga d'auga é o primeiro disco do quinteto formado por músicos de Lugo e da Terra Chá. Os integrantes dos Minhotos presentaron o cd “como non podía ser doutra maneira” na rúa do Minho, no Pazo das Pombas. Durante o acto de presentación, explicaron como fora o proceso de creación que deu como froito esta Pinga d'auga e interpretaron varios dos temas recollidos no disco.

Enterámonos na web da Asociación de Gaiteiros Galegos do proxecto que están a argallar @s músic@s tradicionais do país co gallo do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos. Desde a asociación fan un chamado a todos os grupos tradicionais do país para participaren na homenaxe á nai das letras galegas que se ha celebrar o vindeiro día 24 de febreiro pola mañá. A idea é sinxela: Fagamos soar ese día milleiros de alboradas por Rosalía!

A sorpresa anda pola rede. Unha banda da que até hoxe non sabiamos nada, -hai quen di que se chaman Némesis-, apreséntase en sociedade. Guitarras e son potente semellan os seus sinais de identidade. Rock descarnado que fala da 3ª Guerra Mundial no único tema que coñecemos desta nova formación. A cousa tenvos moi boa pinta mais polo de agora non temos máis info. Iso si, prometemos pescudar...

A Comisión de Cultura da Gentalha do Pichel vén de apresentar o calendario 2013 A nossa música em galego, calendario temático protagonizado por 12 bandas da comarca compostelá. @s que gostedes de ter presente a música galega todos os días, podedes mercar o calendario en Compostela, no local social O Pichel, r/ Santa Clara, 21.


A web ulträqänida non deixa de dar sorpresas. Nese labor arqueolóxico que xa sacou á luz cousas como a maqueta de Alberto Mvundi e a Turma Angolo-galega, agora os Ulträqäns soben á súa web os catro temas que os Papaqueixos gravaron despois de acabar entre os vencedores do Certame Galego da Canción Xuventude'98, xunto a Ávalon e Ménades.


A partir desta primeira fin de semana de febreiro, o popular programa radiofónico Lume na Palleira, centrado na música folc e tradicional do país, modifica o seu horario de emisión. O programa de Emilio Espadañero pasa a se emitir os domingos das 17h ás 19h na Radio Galega Música. Até o de agora, o programa emitíase sábados e domingos. Xa que logo, coa desaparición do programa os sábados, a xa cativa presenza da música do país na radio pública galega pasa a ser aínda menor. Das 336 horas de emisión semanal, entre Radio Galega e Radio Galega Música, tan só 7 horas, o 2,1%, están ocupadas por programas dedicados á música galega.

AO VIVO

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.