Este ano os padriños do rock galego cumpren 25 anos. Foi no Nadal do 88 no pub Non Sei onde subiron por vez primeira a un escenario. E por iso, -e por moitas outras cousas-, un bo feixe de bandas do país decidiron facerlle un disco homenaxe.
Ler máis: Vai polos Padriños!! Homenaxe (sorpresa) aos Zënzar
Vimos de descubrir na rede unha canle de vídeos ben interesante. A Música Portuguesa A Gostar Dela Própria é unha canle de vimeo onde a música, en palabras dos encargados da canle, "é sempre filmada em espaços exteriores ou inóspitos aproveitando os sons ambientes e criando intimidade com os músicos. O microfone está sempre visível porque queremos trazer a música para a rua e vemos o mundo como um palco gigante." A canle, empregada nun primeiro momento para mostrar a variedade da música feita no país irmán, dá acubillo desde hai uns días tamén a varios proxectos de orixe galega. Aquí vos queda un fermoso exemplo, pero hai máis, convidámosvos a botardes unha ollada...e a enviar o voso material tamén, claro!
Vimos de coñecer a triste nova do pasamento deste senlleiro gaiteiro da Fonsagrada. A canda el marcha unha arroiada de sabiduría popular, de tradicións aprendidas doutros gaiteiros nas serras que marcan a hipotética estrema entre o que hoxe damos en chamar Galiza, Asturias e León, mais onde nunca fronteira houbo. O señor Marentes era un dos últimos gaiteiros que dominaba a espectacular técnica do picado propia desas terras altas. Aló, os gaiteiros, -como ten explicado moi ben Pablo Carpintero-, non cortan a corrente de aire no fol co brazo para "picar" senón que dan picado dixitando, co polgar da man esquerda, o que provoca unha sonoridade característica, propia daquelas terras e que o señor Marentes aprendera doutro ilustre da zona, o gaiteiro eonaviego Andeu. De certo que han montar boa polavila aló!
Aquí vos queda unha mostra do peculiar estilo dos gaiteiros da montaña da man dun dos seus últimos mestres, José Marentes.
O 1 de abril é o día das brincadeiras na Europa Atlántica. The fools' day. O día en que os burros van onde non deben ir. E nós, -aínda que mude o clima e Azúcar Moreno non paren de tocar na Luar-, sómosche atlánticos. E estamos un chisco tol@s, así que decidimos botar a andar este proxecto o 1 de abril de 2012. Pasaron 9 meses e un monte de cousas desde aquela. Aquí tes un resumo do que foi o 2012 para GZmusica.com
Cancións de amor e liberdade. Así se chama o terceiro traballo de estudio da banda. E está a ser gravado nos Estudios Mafia do Carballiño. Os Nao pretenden ter o traballo listo e editado o 26 de febreiro de 2013 e comezar unha xira de presentación polo país en marzo dese ano. Mais para dar feito todo isto, piden a axuda de tod@s para recadar os fondos precisos.
Ler máis: Nao bota man do crowfounding para sacar o seu terceiro disco
Como xa vos contamos, os Zënzar serán unha das bandas que poderedes ver no mes de xaneiro en Tolemias. Concretamente, o seu concerto no Festigal do 2012. Aquí vos queda un petisco dese gran concerto dos de Cerceda na capital do país o pasado 24 de xullo.