Vén de se publicar o disco recompilatorio do Hip Hop Ateneu, unha crew compostelá con xa máis de dez anos de historia. Despois dunha época de pouca actividade, o colectivo santiagués volve con folgos. E faino porque sente a necesidade de facer unha reflexión crítica sobre o seu labor o que os leva a nos ofrecer unha interesante mostra do traballo musical que se xera arredor do colectivo. Hip Hop anticomercial, -segundo eles mesmos din- que será moi do agrado dos amantes do xénero. Bases homoxéneas que ceden o protagonismo a unhas letras afiadas que percorren sen desmaio o universo do propio colectivo. Unha boa mostra de que a autoxestión pode dar froitos máis que apetecibles que rachen coa uniformidade ditada pola industria.
Será en Altsasu, en Nafarroa, o vindeiro día 28 de abril. A veciñanza desta vila navarra terá a honra de presenciar a estrea deste novo combo. Un alien punkarra nacido no seo dos Ulträqäns. Os Ultraqänzinhos, grupo de BBB, bodas, banquetes e barricadas.
Despois de sete anos sen tocar na casa, os Kambotes estarán no pub Quirós da vila do Deza. Apresentarán o seu novo traballo, o cuarto, La hostia inversa, gravado nos estudios Océano de Abreu en Nigrán. Será o vindeiro venres 13 de abril. E repiten o día seguinte no Irixo, no concerto contra a incineradora no Irixo, ao carón de Zënzar, A Quenlla e moitos máis.
Loretta Martin regresan cun novo traballo Despois da Mandinga gravado nos estudios Abrigueiro da Coruña. Velaquí o primeiro video-clip, Saio só, dun traballo que camiña do funk ao pop ou ao samba.
O pasado venres 30 de marzo, a banda de Ordes Kastomä estivo no 2 de Mayo rockbar de Aldán, apresentando o seu novo traballo Impórtame merda. A verdade é que non eramos moitos, pero pagou a pena poder ollar un dos referentes do rock que se fai nesa vila coruñesa que sorprende pola cantidade e calidade do traballo alí feito.
Tardaron, pero desde logo que foi para elaborar con moito convencemento e boas ideas o que xa é o cuarto traballo discográfico do grupo. Deste xeito, Quempallou, unha das bandas máis representativas do folk galego, volve a ser noticia. E nunca mellor dito, xa que o seu novo disco “Vellas Novas” toma forma nunha estética xornalística, que se verá reforzada coa publicación dun xornal que a banda ten pensado distribuír nos seus concertos.
“Vellas Novas” e un traballo cargado de matices sonoros e cunha gran dose de influencias musicais, que chegan dende a experiencia dun grupo que leva máis de doce anos en escena. Como é habitual en Quempallou, o disco asenta unha fonda raíz na tradición musical galega, a partir da cal, constrúe arranxos, adapta letras e crea novas composicións. Así conseguen unha sonoridade característica, apoiada nas percusións tradicionais, o acordeón e as cordas, sobre o que camiñan frautas, gaitas, e sobre todo a voz.