Concertos

A banda andaluza Red Soul Community visitou O Morrazo hai uns días. Fomos ollalos até o Aturuxo de Bueu e prestáronnos tanto que lles fixemos unha crónica do concerto. Con ela comezamos unha nova sección na web, na que de cando en vez iremos subindo crónicas de grupos foráneos que pasen polo país. Fotos, vídeos e crónica de Lety GF no interior.

A cita era de novo en Ordes, os HdC recuncaban no local que os viu reaparecer hai agora un ano, e de novo os seareiros responderon á chamada dos do Barbanza. Xente nas portas desde primeira hora da tarde, máis de mil persoas a gozar co concerto na LP45, e finalmente un novo éxito do grupo de rock máis exitoso do país. Achegamos crónica e fotos da presentación do Jard Rock con Fe, por cortesía de Airapro e Marcos Martínez.

Transilvanians viñeron presentar ao Morrazo Kings of catacomb reggay Tour 2013, a xira de presentación do seu novo traballo. Aquí vos quedan crónica, vídeo e fotos do concerto dos de Vigo, que achegaron ao Salason a súa mestura de ska e reggae. Bótalle unha ollada á fantastica reportaxe de Lety GF!

Seguimos a subir crónicas do Reperkusión 2013 na nosa web. Malia o mal sabor de boca que levamos despois de certas controvertidas decisións da organización, -tickets de venres sen validez para sábado, caos e descontrol na entrada por mor dos cacheos, etc.-, e de que nos reiteren unha e outra vez que o que nós ollamos non pasou, continuamos a ofrecer a nosa visión dos artistas que pasaron polo festival ourensán. Iso si, sabemos que a organización do Reper saberá valorar as críticas e tentará mellorar as cousas o vindeiro ano, para seguir a ser unha cita senlleira do calendario festivaleiro do país. Aquí, crónica e fotos da actuación de Muguruza o venres feitas  por Paulinha e Xabicas.

A Banda Fura Fura foron os encargados de abrir a segunda noite do Reperkusión no escenario de pago. Chegamos ao comezo do concerto por ben pouco, despois da absurda maneira de xestionar o acceso argallada pola organización. O público accedía ao recinto por contagotas, cunha dupla barreira de control que eternizaba a entrada entre tediosos, -habería que se preguntar se legais-, cacheos e rexistros de mochilas varias e fundas de cámaras, trípodes, etc. A razón: Podedes levar un rifle aí (sic). Vende medo e garante control e nesas estamos. Non remata aí o ronsel de incongruencias dunha organización que ten que avaliar con certeza moitas das decisións tomadas, como a controvertida prohibición de abandonar o recinto até as 2 da mañá, unha vez dentro. Nós sufrímola, querendo sacar o material despois do concerto dos Fura Fura, e tivemos que chegar a lles relembrar aos encargados de seguridade a total ilegalidade de nos reter no interior do recinto durante dúas horas. Aí si, claro, dixéronnos que podiamos saír.
Mais, vámoslle co concerto. A Banda Fura Fura callou un concerto potente. De calidade, con intres que nos puxeron a pel de pito aos 500, -sendo xenerosos-, que non agardabamos polo fillo de Ramón Chao, e só embafado pola esperpéntica interpretación final do Grándola. Se queres rematar unha actuación cun tema á capella tes que saber a letra. Non hai outra. Apenas o Leo turraba dunha interpretación que abraiaba os portugueses, moitos, que aló había. Chegados para ollaren o Chao, non nos confudamos. A troika lixa-se mais ao ritmo do Radical Chic, curiosamente revoltado contra o seu creador, mais esa é outra historia.
Aínda así, a raiba que esvara polos parágrafos anteriores, -escritos mentres o fillo de Ramón Chao ensarilla unha e outra vez os seus éxitos comerciais na noite de Bemposta-, non debe confundir a lectora. O Coma o vento, interpretado por un furioso X.M. Pereiro gorecido polos Fura Fura e secundado na voz por Antón Díaz, fica marcado a lume na gabeta das sensacións que levaremos para os restos. Houbo máis bos momentos, malia a manifesta incapacidade de conexión entre a banda e tres  cuartos do auditorio que malamente sabían quen é o Zeca. Rematamos de namorar de Lydia Botana, pola enerxía que posúe, e do Leo, pola carraxe que cuspe. Amil, Brais e Díaz, -sinxelamente impresionantes-, os Homes sen Medo, todos os que nalgún momento puxeron a voz mostraron máis unha vez o que no país se fai. Malia só moveren a masa, -que ao final pasaba das 5.000 persoas e con Manu Chao acho que andaba xa perto das 8.000-, cando a consigna fácil ou o ritmo skatalítico activaba as conexións neuronais. Todos os colocados están descolocados, falou Cao e falou ben.
É a unha da mañá e Manu Chao canta si yo fuera Maradona, viviría como él, mentres escribo estas liñas. Polo menos é sincero. A vida é unha tómbola e algúns levamos só rifas ruíns, -ruías, dicía el volo-, e ficamos a pensar se só nos resta esmorecer como Agujerea Agujerea, de complemento exótico do Radical Chic, ou chegaremos a ser algún día a Fura que Fura nos alicerces desta podremia.

Texto: Daniel Lavesedo

Imaxe: Tomada do Facebook do Reperkusión

Iremos actualizando a info sobre o Reper e subindo máis crónicas e fotos. Estade atent@s!

{fcomments}

O pasado primeiro de maio a Fábrica de Chocolate de Vigo ofreceu na súa programación unha dose de punk e ska a cargo dos galegos Bastards on Parade e os venecianos Talco, banda que volverá a pasar pola nosa terra no verán, cando menos no SonRías Baixas de Bueu. Aquí vos deixamos a crónica e un par de vídeos feitos para GZmúsica por Paulinha.

O vindeiro venres 19 de abril GZmúsica TV emitirá un programa especial dedicado á Festa de Aniversario que celebramos o pasado sábado no Salason de Cangas. Poderedes ver o concerto que Zënzar e O Sonoro Maxín nos regalaron ao cento de persoas que nos reunimos aló. Aquí vos deixamos a crónica totalmente imparcial e a promo do programa desta sexta feira.

Caravana de EmerxenciasA Caravana de Emerxencias vén de ter a súa primeira parada en Compostela. Celebrouse o pasado xoves 4 e a novedosa iniciativa de Chotokoeu, The Skarnivals e Skarallaos foi un éxito de público. Apadriñados polos Swingdigentes, as bandas fixeron gozar os asistentes e, polo que puidemos saber, estes agradecérono á saída, onde coas súas achegas posibilitaron que a experiencia fose un éxito. Pois que veñan máis! Crónica e fotos de Lety GF no interior do artigo.

Vindeiros concertos

724282031_1433852392122130_5242187394000999143_n.jpg }19 Xun 2026
San Xoán O Freixo
O Freixo, Valadares (Vigo)
713344868_1301792668746729_7324791010434624983_n.jpg }25 Xun 2026
Festas do Barrio de San Pedro
Santiago de Compostela
729149024_1460520216095145_2109934177387387202_n.jpg }25 Xun 2026
09:30PM -
Esmorga
Brisa Chiringo - Cesantes (Redondela)
713344868_1301792668746729_7324791010434624983_n.jpg }25 Xun 2026
Festas do Barrio de San Pedro
Santiago de Compostela
712429099_17978966949041555_4653578501519693229_n.jpg }26 Xun 2026
IV Perla Mural Fest
Fene
717216102_18360253201237107_7782880981298174567_n.jpg }26 Xun 2026
X Fisterra Experience
Fisterra
727497576_1440025754838127_8851835332231972680_n.jpg }26 Xun 2026
XXXVII Galiziako Eguna
Gasteiz, Araba (Euskal Herria)
728572704_1050167691259547_4562811107141874779_n.jpg }26 Xun 2026
07:00PM -
Festival Fin de Curso Son das Ferriñas
Auditorio Colexio Carmelitas - Vigo
722910126_27605088499178768_6276005039635756355_n.jpg }26 Xun 2026
09:00PM -
Abiñadoira
Praza Pascual Veiga - Sanxenxo
722407883_18340218256223674_4120563451539872621_n.jpg }26 Xun 2026
09:00PM -
Foliada Seisporoito
Praza García Barbón - Verín
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.