Festivais

Chega a décimo sétima edición do Derrame Rock. 50 horas de rock sen acougo, cun cartaz onde hai un pouco de todo pero que desde logo contén varias propostas moi interesantes. Bandas como Bad Manners, Banda Bassotti ou Rosendo son fixas do circuíto de festivais estatais e adoitan saír resultonas. Los Suaves na casa e a incógnita de saber se Os Heredeiros manteñen o nivel que marcaron na súa reaparición en Ordes. E hoxe xoves, protagonismo do rock do país. Porén, na participación das pequenas bandas, e non só galegas, nestes macrofestivais sempre hai luces e sombras.


As Festas do Barrio de San Pedro en Compostela han traer hoxe e mañá dúas noites de música á cidade. Hoxe, foliada, con Maghúa, Ardentía e a Orquesta Os Modernos. Mañá sábado, Noite do Lastro con Terbutalina, Sacha na Horta e Dios Ke Te Crew.

+ info en: fbsp.info


22 e 23 de xuño, Sigüeiro, terra troiteira por excelencia, recrea esta tradición coa primeira edición do festival PSICOTROITA. Preséntase co azo de se asentar coma unha cita de referencia no panorama musical e cultural do país, atendendo a unha liña principalmente garaxeira/roncanroleira, mais sen esquecer outros estilos imprescindibles coma o rap de Malandrómeda.


O Festival que se celebra no parque forestal de Bembrive, Vigo, chega a súa segunda edición cun cartaz que segue a liña marcada na súa primeira edición, celebrada en setembro do ano pasado. Bandas decididamente festeiras ao vivo e presenza tanto de grupos do país como foráneos. Unha outra opción para esta fin de semana.

 

Sábado 16 de xuño. A Alta Montaña galega argalla o seu festival. A Rebusca volve con forza na súa cuarta edición, cun cartaz interesante e unha xornada chea de actividades. Circo, música, natureza...e todo de balde, acampada incluída!

Unha finca á beira do Masma, -na parroquia de Celeiro de Mariñaos, na Mariña-, vai ser o epicentro musical da comarca este sábado 16 de xuño. O Colectivo Cultural Ollomao e mais os Tumba e Dálle, -grupo local-, están atrás desta iniciativa que nace co obxectivo de se converter en referente dos afeccionadxs á música galega da comarca da Mariña. Feira de artesanía, roteiro cultural, billarda...e música! Ao son do Masma.


AO VIVO