Festivais

Sábado 8 de febreiro, Goián acollerá a décima edición do Festival Taíña. Sozios a la fuerza, -banda tributo a La Polla-, desde Muros, Dakidarría desde o Val Miñor e Sherpah desde Cataluña, serán os encargados de armar a festa a partir das 22:30h. E de balde. O Festival Taíña abre a temporada de festivais galegos de música do 2013.


O festival que se celebrará en Burela os vindeiros 29 e 30 de marzo pretende xuntar este ano na vila da Mariña bandas procedentes das catro provincias galegas, así como outras procedentes doutras zonas do estado e tamén de máis alá. Metaleiro e autoxestionado, o Aversion Fest xa confirmou 20 bandas pero aínda non dá por pechado o cartaz. Pode que caia algunha novidade máis nun cartaz que presenta un abano de grupos de calidade para gozar co metal na Mariña.

O sábado 26 de xaneiro de 2013 constituíase en Santiago de Compostela a Federación Galega de Festivais. 15 asociacións sen ánimo de lucro, organizadoras todas elas de festivais de música na Galiza, deciden xuntar esforzos para optimizar os seus recursos e garantir a supervivencia da rede de festivais que ao longo de todo o ano serve de altofalante á música do país.

O pasado 21 de decembro, suposto día da fin do mundo, celebrouse en Camos (Nigrán) o festival Berra!. Moitos pensamos que este ano xa non contaríamos co festival, debido aos tempos que corren e o pouco apoio dalgúns concellos a este tipo de eventos. Pero aínda así o Colectivo Berra! (soporte alternativo de cultura do Val Miñor), tirou cara adiante e conseguiron levalo a cabo, este ano de forma totalmente autoxestionada, polo que pedían que a xente mercase o bono axuda ou entrada, non para gañar cartos, se non para tentar cubrir gastos.

Algo se move no tecido asociativo que rodea os festivais da música do país. Aproveitando a décima edición do Castañazo Rock en Chantada, varios festivais galegos convocan unha xuntanza aberta a todas asociacións e persoas que organizan festivais musicais. A idea é dar os primeiros pasos na creación dunha rede que permita dar a coñecer o traballo desinteresado das asociacións que manteñen aceso o facho da resistencia musical galega.

AO VIVO