As Festas do Barrio de San Pedro en Compostela han traer hoxe e mañá dúas noites de música á cidade. Hoxe, foliada, con Maghúa, Ardentía e a Orquesta Os Modernos. Mañá sábado, Noite do Lastro con Terbutalina, Sacha na Horta e Dios Ke Te Crew.
+ info en: fbsp.info
22 e 23 de xuño, Sigüeiro, terra troiteira por excelencia, recrea esta tradición coa primeira edición do festival PSICOTROITA. Preséntase co azo de se asentar coma unha cita de referencia no panorama musical e cultural do país, atendendo a unha liña principalmente garaxeira/roncanroleira, mais sen esquecer outros estilos imprescindibles coma o rap de Malandrómeda.
O Festival que se celebra no parque forestal de Bembrive, Vigo, chega a súa segunda edición cun cartaz que segue a liña marcada na súa primeira edición, celebrada en setembro do ano pasado. Bandas decididamente festeiras ao vivo e presenza tanto de grupos do país como foráneos. Unha outra opción para esta fin de semana.
Sábado 16 de xuño. A Alta Montaña galega argalla o seu festival. A Rebusca volve con forza na súa cuarta edición, cun cartaz interesante e unha xornada chea de actividades. Circo, música, natureza...e todo de balde, acampada incluída!
Unha finca á beira do Masma, -na parroquia de Celeiro de Mariñaos, na Mariña-, vai ser o epicentro musical da comarca este sábado 16 de xuño. O Colectivo Cultural Ollomao e mais os Tumba e Dálle, -grupo local-, están atrás desta iniciativa que nace co obxectivo de se converter en referente dos afeccionadxs á música galega da comarca da Mariña. Feira de artesanía, roteiro cultural, billarda...e música! Ao son do Masma.
A web do festival vén de publicar os horarios dos concertos do XVII Derrame Rock. O 28, 29 e 30 de xuño Ourense será a capital do rock estatal. Un amplo cartaz traerá até a cidade paragüeira unha variada representación do rock estatal, con algún engadido de sona e unha aceptable porcentaxe de bandas nacionais. E no tocante ao rock do país, o xoves vai ser o día senlleiro. Entre as 21:00h e a 01:00h, Kambotes, Cuchufellos, Ulträqäns, Festicultores e O Sonoro Maxín pasarán polos dous escenarios habilitados. Pero na programación tamén hai oco para Zënzar, Heredeiros da Crus ou Dakidarría. Bótalle unha ollada!