Os Diplomáticos remataron hoxe en Vigo, -despois dunha tentativa fallida pola chuva-, a gravación do videoclip do seu novo tema, Deitado frente ao mar, onde musican o poema homónimo de Celso Emilio. A Coruña e Vigo foron escenario da gravación realizada por Tingalaranga. Até A Coruña foi Lety GF para ver o que se argallaba na gravación e nos trae fotos e making-of do vídeo.
Luar na Lubre e a Orquestra Sinfónica de Galicia presentaron a pasada semana o proxecto común en que colaboran na actualidade, Torre de Breoghán. A obra estrearase no Palacio de Ópera da Coruña os días 21 e 22 de xuño e logo comeza unha xira por España e Europa. Luar Na Lubre rescata un relato épico da cultura celta para dar forma a un espectáculo onde música e efectos visuais se fusionan.
Esta fin de semana, até 5 formacións do país, Sés, Talabarte, Davide Salvado Trío, aCadaCanto e Espido, racharán o telón de grelos para levar as súas propostas por Europa e mesmo África. Londres, París, Berlín e Harare serán as 4 capitais nas que se poderá gozar coa música galega ao vivo. Chimpando por riba do desinterese -cando non directamente da belixerancia- que no Imperio Pequeno adoitan ter coas propostas que empreguen outras linguas ca o español ou o inglés, a música galega prosegue o seu camiño.
Hai un feixe de novidades arredor de Esquíos. En maio estará dispoñible o seu novo traballo, 'Estamos aquí', que foi gravado ao vivo no estudio da Radio Galega. Onte mesmo estiveron a gravar o videoclip do tema 'Incomunicado', que tamén presentarán nunhas semanas. Polo de agora, déixannos un adianto do que será o novo traballo, co que ademais van xirar polo país.
NAO publica hoxe ás 18h o seu novo EP, 'Cartas no caderno'. O novo traballo estará en apenas 2 horas na rede, en descarga gratuíta na propia web da banda. O EP nace despois de remataren a xira de 'Cancións de amor e liberdade' e dárense un descansiño para coller folgos e encetar de volta o camiño. O 26 de abril, Nao presentará o traballo oficialmente na Capitol cun concerto no que estarán acompañados dos Vicky Polard.
Ler máis: NAO publica hoxe ás 18h o seu novo EP, 'Cartas no caderno'
Berrogüetto anuncia as datas da súa xira de despedida. 5 das grandes cidades do país, todas agás Ferrol e Pontevedra, recibirán durante o mes de xuño a derradeira xira do grupo folk despois de 18 anos en activo. A andaina comeza en Ourense e remata na cidade de Vigo. Ao igual que fixeran para anunciar a súa despedida, unha breve nota na súa web, despois compartida nas redes sociais, foi o método escollido para lles dar a coñecer aos seguidores a xira.