Bolboreta presenta o seu disco de estrea. A formación liderada pola multiinstrumentista Lydia Botana sairá mañá xoves ao escenario da Sala Garufa da Coruña para nos dar a coñecer o seu debut discográfico. Músicas do mundo, na liña dos temas que xa foi dando a coñecer a coruñesa, con toda a enerxía positiva que transmite en todo o que fai, xa sexa coa súa banda ou nas innumerables colaboración que leva feito nos últimos anos. Ademais, ás 12 da noite do xoves proxectarán no Garufa o seu novo videoclip, producido por Gambeat, membro da formación de Manu Chao.
En decembro chegará ás librarías o libro-disco Non hai berce coma o colo, un proxecto dirixido polos músicos e mestres Magoia Bodega e Paulo Nogueira. O traballo procura recuperar arrolos tradicionais para as crianzas de hoxe en día. O 7 de decembro, no marco do Culturgal, será presentado este novo proxecto de Kalandraka. Olla o videoclip adianto!
O 25 de novembro publícase Lúas de outubro e agosto, o novo disco de Guadi Galego. A modo de adianto, chéganos o videoclip de Matriarcas, unha homenaxe ás mulleres para a que Galego se rodea das máis importantes na súa vida. Fermosura e sinxeleza, co cruño que a artista ten posto na súa estrea no 2009, Benzón, ou noutros proxectos, nomeadamente Espido.
Ler máis: Matriarcas, marabilloso adianto do novo de Guadi Galego
O vindeiro 8 de novembro, Liska! e Superoito irán até Cangas para tocar no Magosto organizado polo CS A Tiradoura. A banda de ska viguesa aproveitará ademais para presentar o seu novo videoclip. E os de Ordes pisarán por vez primeira un escenario do Morrazo. Concerto ás 22:30h, presentación do videoclip ás 21h, e xa desde primeira hora da tarde magosto popular. A entrada do concerto custa 4€. Música e castañas para tod@s este sábado no CS A Tiradoura de Cangas do Morrazo
Os Destemplados presentan o 29 de novembro o seu primeiro EP. A banda de Cambre levará Fermentando elementos até a Sala Filomatic da Coruña. O traballo tenta reflectir o estilo ecléctico da banda, mais sempre no rego do rock, polo que camiñan desde o rock máis clásico até o grunge. Estarán acompañados polos Hormigón, que farán a súa estrea enriba dos escenarios.
Víctor Coyote presenta novo disco, De pueblo y de río (Eureka Records, 2014) no que versiona cancións populares. O traballo foi producido por Pablo Novoa e gravado entre Caminha e Córdoba. O lanzamento do novo traballo do de Tui vén acompañado polo do videoclip do clásico de Amália Rodrigues Havemos de ir a Viana, interpretada con Rita Braga.
Ler máis: Víctor Coyote presenta novo disco e novo videoclip