Grupos

Os decanos do rock feito en galego están de estrea. Os de Cerceda están a piques de apresentar o seu novo disco, o décimo da súa andaina, e ofrécennos como adianto un videoclip, "Cortina", dirixido por Paco Gallego, feito sobre o tema homónimo do novo disco, con letra de Xosé María Díaz Castro. A presentación será o vindeiro mércores 29, en Santiago de Albá, Palas de Rei.

A Asociación de Músicos ao Vivo vén de facer público o Premio Honorífico da Música deste ano. Os elixidos foron N.H.U. Grupo de rock progresivo dos 70, que con este premio sae do esquecemento no que caera nos últimos anos. Para alén de ser, -xunto a Goma 2-, unha das primeirísimas formacións de rock en empregar a lingua galega, N.H.U. foron uns adiantados ao seu tempo que gravaron un único disco que hoxe é peza de coleccionista.

Marful despídese. Farao con dous concertos nestes primeiros días de outubro, que porán fin a 14 anos de andaina. Co seu adeus, perdemos unha das formacións máis interesantes da música galega do século XXI. Calidade e innovación que traían aquí e agora vellas músicas para as interpretar dun xeito contemporáneo. Aquí tedes a nota que publicaron na súa web, anunciando a despedida.

Os Transilvanians andaron de xira por Europa adiante. No verán, finais de xullo e comezo de agosto. Dúas semanas intensas que deron para eles visitaren Francia, Alemaña, Holanda, Bélxica e Euskal Herria. Velaquí un excelente documentario que reflicte en 21 minutos o que foi a xira. Concertos, furgo, bo ambiente e a paixón polo ska dun grupo de tolo capaz de se embarcar nunha aventura musical dese calado. E que veñan máis! Ah, e a banda ten novo disco, escoítao no artigo.

Vicky Polard bota man de Verkami para se poder meter no estudio de gravación e gravar " o froito da súa demencia" (sic) en formato álbum. Recompensas divertidas e achegas desde cantidades modestas para lle botar un cabo á banda do Salnés co seu novo disco. 

Víctor Aneiros edita un novo disco, o séptimo da súa discografía oficial, e o bautiza co inequívoco título de A soidade pide copas nos bares. Edita, unha vez máis, o selo vasco Gaztelupeko Hotsak, que xa tén no seu catálogo cinco discos do músico de Ferrol. O traballo recolle versións acústicas dos 3 últimos discos do guitarrista, que cobran nova vida interpretados apenas por Aneiros e o acordeonista Fran Rey.

AO VIVO

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.