Grupos

A banda eonaviega está inmersa nunha xira que os leva hoxe, martes 17, á Casa das Crechas de Compostela. Será ás 20:30h e de balde, presentando o seu novo disco, 'Alorias', que xa soou en Ovieu e na Veiga, en Asturias, e en Ribadeo a pasada fin de semana. 'Alorias' é un EP de 5 temas, onde Os Folkgazais recuncan no seu estilo, inspirado nas primeiras agrupacións que no occidente asturiano e na Mariña de Lugo achegaron os ritmos latinoamericanos aos torreiros das festas. Escoita 'Deixame ir contigo', un adianto do traballo.

Os Diplomáticos de Monte Alto están moi activos neste 2014. Co gallo dos 20 anos do Bravú a banda coruñesa espreguízase e volve apañar os trebellos de facer ruído. Estiveron no Festival de Cans, tocando no Jaliñeiro e presentando novo videoclip. Eis os vídeos que dan proba das dúas cousas. Medra o mar e faino con forza, xuntando Vigo e A Coruña nunha soa cidade atlántica e chegando, case, até o alto do Confurco.

Sacha na Horta, Ulträqäns estrearán disco nas vindeiras semanas. E van subindo adiantos dos seus respectivos traballos á rede. Velaquí a Cona Revolution das Sacha, o instrumental Mepirodáctilo de Ulträqäns. E de Bonus Track, o vídeo da gravación do tema Bye Bye de Chotokoeu en Maastrachit hai agora un ano. A canción entrará no vindeiro disco dos Chotoko, que publicarán aínda dentros duns meses. A beillar, que xa é venres e saíu o sol!!

Raiba e Xardín Desordenado están atrás de 2 novos proxectos na web de micromecenado Verkami. Trátase en ambos os casos do segundo disco das formacións. Raiba quere o apoio para masterizar e editar Versos da Revolta e Xardín Desordenado dedicará o diñeiro á gravación e edición de Aprendendo a ladrar. Desde apenas 4 ouros no caso dos metaleiros Raiba e desde 15 ouros para o combo jazzístico do Xardín Desordenado podes facer a túa achega e axudar a que estes dous interesantes proxectos cheguen a se realizar.

O xoves 8 de maio, o Salón Teatro de Compostela acollerá a presentación do novo disco da Roda. 'Outra volta de roda', onde a histórica formación di volver "á fonte limpa", revisando o pasado para escribir o futuro, versionando 13 coñecidas cancións da música popular. Mentres non lle botamos unha escoita ao disco, podemos ollar o videoclip de A dorniña, unha das voltas de roda da Roda.

LéRIA apresentam o seu quinto single, Colombian High (balada de Liliana e Matthew). O tema está baseado no namoramento real duma colombiana e mais um estadunidense. Escoitem e/ou descarreguem o vício de amor em inglés de LéRIA. Ou o que é o mesmo, El Asco, Joe Seilo e mais Severino Galante. Já está aqui quem vos há de pôr a bailar.


AO VIVO