Grupos

A partir desta primeira fin de semana de febreiro, o popular programa radiofónico Lume na Palleira, centrado na música folc e tradicional do país, modifica o seu horario de emisión. O programa de Emilio Espadañero pasa a se emitir os domingos das 17h ás 19h na Radio Galega Música. Até o de agora, o programa emitíase sábados e domingos. Xa que logo, coa desaparición do programa os sábados, a xa cativa presenza da música do país na radio pública galega pasa a ser aínda menor. Das 336 horas de emisión semanal, entre Radio Galega e Radio Galega Música, tan só 7 horas, o 2,1%, están ocupadas por programas dedicados á música galega.

Os Eskíos botan man do crowfounding para a edición do seu sexto disco, Porcocan. A banda ten idea de entrar a gravar en marzo o novo traballo, nos Estudios Abrigueiro de Arturo Vaquero. Para conseguir o diñeiro preciso, escollen a vía do microfinanciamento desde Verkami, onde hai algún outro proxecto galego aberto, como o de Nao que está a piques de acadar o seu obxectivo a falta dunha semana para rematar o prazo.

Cántigas da Terra homenaxea o último artesán que traballaba na cidade herculina, Xosé López Bao. O luthier de 85 anos, -e que desde hai un tempo tan só realiza gaitas para algún amigo-, residía desde hai máis de 50 anos na Coruña. Mais, ao veu a súa casa en Eirís de Abaixo expropiada, decidiu retornar a Ardemil, na comarca de Ordes, onde nacera.

A banda de San Sadurniño estará esta fin de semana no Bar Liceum do Porriño e confirma tamén varios concertos nos meses de febreiro e marzo, onde continuará a presentar o seu traballo de estrea, Balakandra. Un feixe de oportunidades para gozar cunha banda que propón unha viaxe polas músicos do mundo, do Mississippi ao Danubio, guiados pola mellor das locomotoras, a música do país.

Alumnado da Escola Livre da MPG, xestionada en Compostela polaCentral Folque, viaxa esta semana a Dublín para participar no Temple Bar Trad Fest , o festival celta de inverno máis importante de Irlanda, onde tocarán o sábado 26 de xaneiro na Christchurch Cathedral, o edificio máis antigo da capital.

Un ano máis chega o concurso musical Cantalingua, pensado para dar a coñecer entre o público máis novo a música que está a facer no noso país. A través deste concurso escóllense os grupos ou solistas que participarán nas actuacións das festas finais do Correlingua, unha marcha pola lingua que percorre 10 vilas e cidades galegas, que conta coa participación de miles de rapazas e rapazas de todos os ciclos educativos. O concurso, que gañaron Roger de Flor, Gendebeat, Zënzar ou Som do Galpóm en edicións anteriores, chega con algunha novidade relacionada co 150º aniversario da publicación de Cantares Gallegos.