Un libro disco para nenos e nenas con vocación viaxeira. O grupo vigués Oviravai presenta este sábado, día 14, ás 18h, na Casa do Libro de Vigo o seu primeiro traballo, “As andanzas de Paio”. Paio, un teixugo viaxeiro que percorre medio mundo vivindo as máis emocionantes aventuras, é o protagonista deste traballo, que podes escoitar no artigo.
Ler máis: “As andanzas de Paio”, de Oviravai, un libro disco para nenas e nenos viaxeiros
Xosé Constenla leva Virada por Avante a oito concellos galegos durante o mes de maio. Unha xira de primavera que o fará estar de novo nas cidades de Ourense, hoxe, e Santiago de Compostela, ademais de en varios concellos das provincias de Lugo, mañá en sesión vermú na capital, e Pontevedra, e tamén na Coruña. En diversos formatos ou con convidados como Uxía ou O Leo hoxe no Auriense, moitas opcións para ollar ao vivo o novo disco de Constela.
A flamante gañadora do Premio Martín Códax na categoría de Canción de Autor, estará este sábado 7 de maio ás 21 horas no Teatro Principal de Pontevedra e o vindeiro, día 14, no Centro Ágora da Coruña. Entradas a 10 euros máis gastos en internet ou na billeteira unha hora antes do concerto. Despois de encher o Principal de Compostela, Galego volverá ofrecer un concerto baseado nos temas do seu exitoso Lúas de outubro e agosto.
Ler máis: Guadi Galego, en Pontevedra e A Coruña no mes de maio
O grupo grava estes días o videoclip co que presentará o seu novo traballo, "Lume e rebeliom" en localizacións do sur do país. A presentación deste novo disco será o vindeiro 30 de abril na sala A Farándula de Vigo mais hoxe tamén será posíbel ver en acción a crew do Condado pois estarán esta noite ás 22:30h abrindo o concerto de Dakidarría na Sala Masterclub tamén da cidade olívica.
Terbutalina levaban anos dándolle voltas a un proxecto, do que apenas quixeron contarnos nada -como por outra banda adoitan facer con nós- mais do que por fin sabemos algo máis. Preguntámosllelo hai dous anos no Revenidas e non arriaron nada pero agora podemos afirmar que a Terbualdea vai ser unha realidade. A banda de Muros con algún membro de Esteiro vai comezar mañá mesmo un VERKAMI para poder adquirir unha propiedade para reformar na Costa da Morte. O vello proxecto dos punks da Barbanza, un lugar con prohibición do sexo indoor e un concerto de Terbutalina a diario axiña será unha realidade.
A cita será este venres 1 de abril na sala MalaTesta de Compostela. A banda dirixida por Amil presentará ao vivo o traballo que realizou a requerimento da Mesa pola Normalización Lingüística, musicando en clave de rock, funk, folk e blues once poemas de Manuel María. Ademais de Amil e a Tribo incomprensíbel polo escenario da MalaTesta pasarán os colaboradores do traballo, Xurxo Souto, MJ Pérez, Antón Díaz, Belén Tajes, Bocixa, Paula Romero ou O Leo. Alén de homenaxear o autor das Letras Galegas 2016, a Mesa festexa o seu 30 aniversario con este concerto, ocasión probablemente irrepetible de poder gozar ao completo de todos os músicos que participaron no proxecto. As entradas están á venda en adiantada por 10 € na web da Mesa -8€ para persoas asociadas a esta organización- e custarán 12 € na billeteira da sala o día do concerto.
Ler máis: Fran Amil e a Tribo incomprensíbel presentan "A voz do vento"