Concertos

O primeiro día de xuño non faltamos á nosa cita dominical co templo da música ao vivo de Bueu. A proposta semellaba interesante. Roots reggae desde São Salvador de Baía, con backing band viguesa. Até alí fomos e aquí vos deixamos o que nos pareceu o concerto. Crónica, vídeo e fotos no interior.


Abofé que a proposta de Ras Ciro Lima&Grei Jah auguraba unha boa noite de reggae en Bueu. Cando menos, había servir de adestramento para o concerto que mañá venres viviremos no Aturuxo, Panton&Harrison, -lendas vivas da música xamaicana- cos Transilvanians de banda de apoio.

E, de feito, o concerto foi máis que correcto no musical, -malia o pouco feeling que cabe agardar cando o cantante nin sabe o nome dun só dos músicos que o acompañan-, e o Ras Ciro ten táboas e representa moi ben a esencia do roots reggae. O Lima é un dos principais músicos de roots reggae de Baía. Ten editados dous traballos (Haile Selasie e Eu, Eu e Eu), o último gravando parte do CD en Vigo e parte en Baía. A súa esposa, Makiko Kamekura, de Xapón, acompañouno aos coros. O directo, longo, foi un percorrido polos seus dous traballos, con algunha concesión ás versións na parte final. Non empregaron o estupendo son da sala e traballaron co seu, o que foi un erro pois a banda -sen soar mal- non deu de si todo o que o tería feito coa sonorización da casa. Con todo, o reggae máis clásico pairou sobre @s asistentes en todo momento.

Porén, malia a facilidade coa que o Lima nos insería nesa cadencia acougada e espiritual do reggae na maioría das cancións, o certo é que a liña argumental do seu discurso, de fondas conviccións relixiosas, e as letras das súas cancións, moi centradas precisamente niso, facían que a cousa fose por veces case cómica para a maioría do público -escaso- que asistía ao concerto. 

Cousas da lusofonía. Se o Lima non falase nun galego tan xeitoso e o fixese en inglés, probablemente a parroquia non se tería enterado da homilía e tería gozado sen prexuízos da súa música. 

Texto: Lavesedo

Vídeo: Lety GF

Fotos: Xabicas. Galería do concerto na súa páxina do Facebook

Hai 15 días fomos até a Sala Máster de Vigo para asistir ao concerto dos DKTC. A banda de hip-hop de Ordes deu 2 concertos no país en maio, Vigo e A Coruña, rachando uns meses de silencio derriba dos escenarios. Porén, a crew non perdeu unha miga da súa potencia e frescura ao vivo. Vídeo, crónica e fotos no interior deste artigo.

O Aturuxo de Bueu, templo da música dominical galega, sempre ofrece propostas ben interesantes para rematar a fin de semana. Por riba, a nós quédanos moi a man, así que non perdemos ocasión de ir botarlle unha escoita ás súas propostas. Desta volta, Lety GF e Xabicas -fixo en todos os concertos da sala-, achégannos as súas sensacións sobre o concerto de Zamaramandi o 18 de maio. A banda de reggae roots viguesa cruzou a ría para presentar o seu novo disco, Mesopelagic.

Diante dunha sala Capitol practicamente ateigada, Ruxe Ruxe presentou o seu novo traballo de estudio. 'Némesis' é (case) unha ópera rock, crúa como a situación que vivimos. Moito máis feros, moito máis duros, os Ruxe Ruxe celebraron o seu décimo oitavo aniversario encol dos escenarios nunha noite máxica. Houbo festa a esgalla na sala, co ambiente previamente caldeado por Biribirlocke e Josito Porto, e tamén a houbo despois polos bares da zona vella de Compostela. Eis a nosa visión do que aló aconteceu. Fotos, vídeos e crónica da presentación do novo dos Ruxe na Capitol.

O venres 5 de abril, a unidade móbil de GZmúsica volveu subir até a montaña ourensá para asistir de novo a unha das festas organizadas pola xente da A.C. A Rebusca de Manzaneda. Aló, na Maceda da Terra de Trives gozamos coa primeira xornada do FindeKeFlipas(2), segundo estalo da nova argallada dos da Rebusca. Aquí tedes crónica e vídeos dos concertos desa primeira xornada e fotos dos 2 días, cedidas xenerosamente polo Pelu de Mos.

Sábado 29 de marzo e dentro da Festa da Reconquista de Vigo, Sés achegouse por vez primeira até a cidade olívica. Nun concerto gratuíto, coa Praza do Berbés ateigada de xente, a cantante da Coruña deu un repaso aos seus 2 discos en máis de 2 horas de actuación. Aquí vos deixamos crónica e unhas fotos da "conquista" de Vigo por parte de Sés.

Xoves 20 de marzo. 10 da noite. Mentres o calendario dicía que encetaba a primavera do 2014 e o orballo e a friaxe caían sobre a rúa de San Lourenzo en Compostela, Barbitúricos, O Leo e Zënzar agasallábannos con 5 horas de música, amizade e paixón na Sala Nasa. Apañamos as cámaras e aló fomos. Eis a nosa crónica, fotos e vídeo.

O pasado venres 14 de marzo, cruzamos a ría e achegámonos até un dos concertos da xira "Comer y ladrar" dos Barrankillos, con Bolboreta de artista convidada, na sala "La Fábrica de Chocolate". O día previo ao concerto tivemos un percance coa cámara de video que iamos levar, así que os vídeos que desta volta vos traemos son moi pero que moi escuros, pero polo menos escóitanse bastante ben.

Vindeiros concertos

671647126_1529400112523121_245636148477317500_n.jpg }05 Mai 2026
09:30PM -
Vadzim Yukhnevich e Giuliano Parisi
Borriquita de Belém - Santiago de Compostela
640144733_1661328505309044_6448672353842505295_n.jpg }06 Mai 2026
10º Facela Fest
Lugo
640144733_1661328505309044_6448672353842505295_n.jpg }06 Mai 2026
10º Facela Fest
Lugo
645790230_1542328411230550_6126441407160916991_n.jpg }07 Mai 2026
Agora Guerrilla
Borriquita de Belém - Santiago de Compostela
626278513_18344101579237107_7652831850050692149_n.jpg }07 Mai 2026
Antía Muíño
Avalon Café - Zamora (España)
640144733_1661328505309044_6448672353842505295_n.jpg }06 Mai 2026
10º Facela Fest
Lugo
624076770_17986133090933036_9170625095021733609_n.jpg }08 Mai 2026
Bestas
Sala Urania - Ferrol
625359261_18342640423237107_8185224847302903640_n.jpg }08 Mai 2026
Fillas de Cassandra
Recinto Feiral - Pontevedra
586678226_18334925893237107_7538853319763282673_n.jpg }08 Mai 2026
Rebeliom do Inframundo
Sala Capitol - Santiago de Compostela
662492807_4399302883652043_3346349509056976048_n.jpg }08 Mai 2026
Sementeira e Música
Área Recreativa do Muíño da Ponte - Corzáns (Salvaterra de Miño)