Festivais

Na xornada do venres 9 de xullo, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira acolleu no Escenario Estrella Galicia a gran final do seu emblemático Concurso Runas. Nesta edición, o trío belga de neofolk Aérokorda impúxose ás outras dúas propostas finalistas: o grupo JDC (que regresaba á final catro anos despois da súa vitoria en 2022) e o dúo Leni Pérez & SeKadra.
Aérokorda resultou gañador por decisión unánime, pechando unha disputada xornada na que a hibridación de músicas e culturas foi a gran protagonista.

SonRías Baixas deu a coñecer o cartel completo da súa próxima edición, que se celebrará os días 1, 2 e 3 de agosto de 2025 na localidade de Bueu (Pontevedra). Despois de conseguir reunir durante as súas tres xornadas a máis de 26.000 asistentes na súa pasada edición, converténdose na máis multitudinaria ata a data, o festival aposta de novo por ofrecer un cartel que inclúa unha proposta musical fresca, sen cinguirse a un só estilo concreto, reunindo unha programación variada estilisticamente na que prima a calidade e que é reflexo da enorme heteroxeneidade que prima na música hoxe en día.

A organización do Festival do Mundo Celta vén de anunciar hai unhas semanas as datas da edición de 2025. O Festival de Ortigueira amplía unha xornada máis a súa próxima edición para homenaxear á Escola de Gaitas no seu 50 aniversario. A organización aposta por ampliar as datas de catro a cinco días de duración, do 9 ao 13 de xullo.

A quinta edición do festival A Revolta do Umia celebrarase en Vilar de Mato, en Cuntis, os días 26 e 27 de agosto. Entre os grupos deste ano destacan Bala, Terbutalina, Grande Amore, ou Kings of the beach, nun cartel heteroxéneo que vai desde a electrónica ou o punk-rock ata o hip-hop. Entre as novidades deste ano destacan a celebración dun mercado de artesáns, a proxección de curtas gañadoras no festival LAV.mov, un obradoiro de cerámica castrexa, entre outras actividades dun completísimo programa.

O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira presentou a 23ª edición do concurso Runas de novos valores, con votación on-line para as dez propostas preseleccionadas por un xurado. Os 3 finalistas escollidos actuarán no Festival deste ano xunto cos finalistas das edicións dos anos 2020 e 2021. De entre estas 9 bandas sairán os gañadores que actuarán na edición 2023.

A vindeira fin de semana, sábado 9 e domingo 10 de abril, volve a Festa da Chuvia. O concello de Rianxo acollerá unha edición chea de música e actividades, durante a xornada do sábado, e o domingo o barco da chuvia percorrerá a ría de Arousa cheo de música e diversión. GZmúsica colabora coa Festa da Chuvia e festexaremos o noso 10º aniversario abordo. Ademais, haberá servizo de ToxoBus desde Ribeira, pasando por Palmeira, A Pobra e Boiro. 

AO VIVO