Festivais

Despois da pasada fin de semana, co Resurrection, Ortigueira e o PortAmérica, a temporada festivaleira entra nunha xeira frenética que non che vai dar descanso até setembro. Pardiñas, Castelo Rock, Vilariño ou Reperkusión xa presentaron os cartaces deste ano. Revenidas fixo público un primeiro avance impresionante. Embarca connosco nesta andaina virtual que comeza esta finde -co Festigal ou o Antrospinos, entre outros- e percorre os recunchos todos do país deica a fin do verán. Propoñémosche cinco paradas para as vindeiras cinco semanas en festivais de todo tipo, gratuítos e con entrada, tradicionais ou rock, na praia ou nunha carballeira...atréveste?

Hoxe venres é bo día para gozar coa música en Ordes.  Un ano máis, a Asociación grupo de Gaitas Os Viqueiras de Ordes, organiza  unhas Noites de Tasca especiais, co gallo do sétimo aniversario, cunha gran festa onde a música e o baile tradicional serán os grandes protagonistas. Actividades a partir das seis da tarde, encetadas cun concerto do Cé Orquestra Pantasma. E tamén no Mesón do Bento haberá oco para a nosa música, co Festival Satélite Furancho, organizado pola rapazada desta vila dentro das Festas de San Pedro de Ardemil. Protesta lúdica contra o peche do Planeta Furancho e por unha CRTVG de tod@s e para tod@s!

A aldea de Cans, ao pé do Confurco, tense convertido na meca do cinema nacional. Aproveitando ao máximo as vantaxes da aldea, o Festival de cinema de Cans tira de "agroglamour" ano tras ano para encher de estrelas do cine, público, veciñanza e curiosos as rúas, os ghalpóns, os chimpíns e até os ghaliñeiros da aldea. De sempre a música tivo un sitio preferente neste festival, mais a aposta por ela faise maior ano após ano.

A Asociación C.D.E.Treze Catorze presenta a 8ª edición da súa gran festa, que se celebrará os vindeiros 1 e 2 de maio. The Marveltons, Ulträqäns e Terrakota tocarán nos concertos do sábado, mais xa desde o día anterior hanse suceder as actividades en Salceda de Caselas, con Cantos de Taberna o venres ou Vermutalina -Terbutalina en sesión vermú- o propio sábado ao mediodía.

Os encontros de coros tradicionais, CANTARES NO MIÑOR, que anualmente organiza Cantares do Brión, o coro radicado en Vincios (Gondomar), celébranse desde o ano 2012 para potenciar e dar a coñecer a música galega de raíz popular na súa expresión coral. Nesta ocasión, a agrupación invitada é o Real Coro Toxos e Froles, de Ferrol, que neste ano de 2015 conmemora o seu Centenario, motivo polo que lle será feita unha especial Homenaxe.

A Asociación Cultural​ Novo Cruceiro​ de Vila de Cruces​ leva organizando desde hai sete anos dun pequeno festival cuxo obxectivo esencial é o de promover a música en galego. Este ano presentan un novo proxecto co que pretenden motivar aquelas bandas que teñen gañas de tocar no seu festival ademais de reforzar a súa idea de promover música na nosa lingua e achegala á comarca do Deza. Tedes unha banda e cantades en GALEGO? Pois esta é a vosa oportunidade, le as bases!

AO VIVO

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.