Festivais

O festival A Candeloria vén de anunciar as bases para o Certame de Curtas e Videoclips e para o Concurso de Cantos de Taberna. Aparte dos 10 grupos xa anunciados para o festival, desde a organización pretenden facer actividades paralelas á música e estos dous anuncios son os primeiros exemplos. As demais actividades así como os horarios verán a luz durante as próximas semanas. Consulta polo miúdo as bases dos concursos e anímate a participar!

Boal é unha pequena vila do occidente asturiano. Aló falan a variedade máis oriental da nosa lingua, o galego de Asturias ou gallego-asturiano. Desde esta vila da montaña, a Asociación Xuvenil Mezá leva anos removendo a pousada vida cultural da vila, cun outono cultural cheo de actividades e música. Este ano volven contar con bandas galegas e asturianas para pór a vertente musical e festivaleira do outono. Desta banda do Eo, Carricobanda e Chotokoeu irán até aló para mostrarlles aos veciños e visitantes o seu traballo. Esta fin de semana, venres 5 e sábado 6, Outono Cultural en Bual...nosoutros taremos alló!

A Candeloria xa adiantou parte do cartaz da súa segunda edición, que se celebrará o 27 e 28 de febreiro do vindeiro ano en Lugo. O cartaz aínda non está pechado, pero polo de agora xa sabemos que Ruxe-Ruxe, Arrhythmia, Terbutalina e Liviao de Marrao, para alén dos españois Los Chikos del Maíz e Habeas Corpus, pasarán pola cidade do San Froilán. Á falta das últimas confirmacións, a Candeloria aposta nesta segunda edición por un gran cartaz, co melloriño da música do país e o engadido dalgunha moi boa banda foránea.

Quedan uns días para que comece o San Froilán. Durante 10 días, Lugo será a capital festeira e musical do país. Haberá moitísima música; desde a abertura, o día 3 co Festival de Noso que levará até a cidade ao Sonoro Maxín e Familia Caamagno, até os concertos de Susana Seivane e Murajazz Big Band o domingo 12 que fecharán a programación. E sobre todo, vai haber moita festa na rúa, con pasarrúas decote pola zona dos viños a cargo de formación tradicionais - Madia Leva, Devandoira,...- ou outras como a Fanfarria Taquikardia ou o Bloquinho de Xermolos. E moito máis: Sés, Marful, Festiclown, música clásica, jazz,...

Saen á venda os bonos para o WOMEX 2014, que permitirán gozar de 45 concertos durante tres noites. O FEstival WOMEX desenvolverase do 22 ao 26 de outubro no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura e en varios espazos de Santiago de Compostela. O Womex é unha grande feira profesional, mais os concertos de noite estarán abertos ao público. Iso si, apenas  á venda 200 bonos para 45 concertos en 3 días que terán lugar en espazos como a Praza da Quintana, o Auditorio Abanca, o Teatro Principal, o Salón Teatro ou a Sala Capitol.

A parroquia de San Martiño de Vilelos, no concello do Saviñao, pon a punto o Folión das Fachas. Tradición con orixes milenarias, probablemente naceu como ritual de agradecemento aos deuses polas boas colleitas. Hoxe en día, perdidas xa esas connotacións, é un dos escasísimos "folións de véspera" que se conservan no país. O vindeiro venres 26 de setembro, en Vilelos, tes unha cita coa tradición e a boa música, que virá despois da procesión das fachas. Este ano, Abóbriga, Aires da Poxa e Sacha na Horta.

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.