Cultura

O verán remata mais a música galega non ten paraxe! Por iso, co comezo do novo curso, GZmúsica TV volve á televisión. Mais cun novo formato, o GZmúsica TV Clips, un programa de 30 minutos de duración onde lle daremos cabida aos videoclips, -novidades e históricos-, máis interesantes do panorama musical do país. A estrea é esta mesma noite, contra ás 24h, coma sempre en Vía TV ou en streaming na nosa rede. E se tes unha banda e queres que o teu videoclip saia no noso programa, contáctanos!!

O 7 de setembro abre as súas portas a Casa Museo Manuel María en Outeiro de Rei. A casa natal do escritor chairego foi reformada e mostrará a partir de agora a súa magnífica biblioteca, un importante fondo artístico, a correspondencia con diversos persoeiros da nosa cultura, etc. Alén do acto institucional matutino e do xantar popular, -para o que xa non se pode reservar-, haberá música e poesía ao vivo e de balde.

O pasado luns 26 botou a andar ARTELIXO 13, un mostra de arte e actitude ao redor do refugallo, o lixo e a reciclaxe que toma as rúas de Redondela até o 6 setembro. Dentro das diversas actividades que se irán desenvolvendo na vila dos viadutos temos un concerto do cantautor punk O Leo Arremecaghoná o vindeiro sábado 31 ás 22h da noite. Porén, non só música, senón un mercadiño, proxeccións de vídeo, etc. completan o programa desta edición da mostra de arte redondelá. No interior do artigo, tedes a programación polo miúdo e o Manifesto Artelixo 2013, lido o día da inauguración da mostra.

O pasado día 10 de agosto, a iso das 12 da mañá, Agalip presentou na feira do cómic da Coruña o seu novo proxecto, Oink! Unha revista infantil, pensada para os pequenos da casa que busquen unha publicación diferente. Ademais, a estrea desta nova publicación vén da man da volta dos videoclips ao Xabarín Club da TVG, con Xenderal e Lydia Botana como primeiros dunha serie que esperamos continúe axiña. O porco bravo vén de facer 18 anos e semella recuperar folgos...E ti, xa es do clube?

O pasado mes de xullo presentouse a webserie Fame en Celanova, no Curso Audivisual que celebra a Universidade de Vigo hai 10 anos na vila ourensá. Agora reestreáronse na rede os 3 episodios, realizados por estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola Superior de Arte Dramática ESAD, que alén do estritamente cinematográfico contan cunha banda sonora en que aparecem Cats and Monkeys, Escuchando elefantes, Terbutalina e Salvation Army. 

aCentral Folque en colaboración coa Fundación Granell presenta as Miniaturas Musicais de Eugenio Granell. Unha creación do cubano Alejandro Vargas sobre as anotacións musicais para violín, guitarra e gaita do propio Granell e que foron atopadas pola xente de aCentral Folque.

AO VIVO