Cultura

Pouco se ten falado dos gaiteiros do mar. A frase é do Peix de Aldán e dela naceu a idea de gravar un documental sobre eles, eses mariñeiros-gaiteiros que nos anos 60 e 70 embarcaron cara ao Gran Sol, Namibia ou Terranova nos pesqueiros galegos. Atrás do proxecto está a cabeciña incansable de Xurxo Souto, que matinou no documental despois da isca prendida polo Peix e da descuberta marabillosa dunha cinta de casette gravada a bordo do Ría de Aldán, en pleno Gran Sol. GZmúsica tamén se enrolou nesta aventura que hoxe, martes de entroido, comeza a gravación en Nerga, en pleno Entroido do Hío.

A semana pasada presentouse en conferencia de prensa a segunda edición do Certame de Canción de Autor en Galego 'Concello de Teo'. Na dita presentación compareceron a concelleira de Cultura do Concello de Teo, Carme Hermida, o secretario xeral de Política Lingüística, o delegado para Santiago de Gadisa, Román Roo, Valentín García, o director artístico do evento, Xoán Curiel e a gañadora da primeira edición, Alba María. Coincidiron unanimemente na necesidade desta iniciativa e animaron a participar xa desde hoxe mesmo a “todos e todas aquelas que teñan algunha canción en galego que cantar”. O prazo de inscrición no certame permanecerá aberto até o vindeiro 29 de marzo.

Despois do éxito do festival ¡PELEA!, PORNO volve á súa programación habitual cun mes cargado de propostas. Pasarán por Ourense grupos de gran prestixio en España como A Veces Ciclón ou Alado Sincera e novas propostas galegas que van dende o pop xeracional de Dois ao math-punk de Vozzyow. Ademais, Monstruo presentarán os splits que sacaron en decembro en Barcelona e Uppercut volverán á actividade logo de meses de pausa. Completa a programación a inauguración dunha nova exposición en El Pueblo, desta vez compartida pola ourensana Julia Huete e o vigués Óscar Raña, coñecidos polo fanzine Drama Sureño e o seu traballo asociado á música como cartelistas ou deseñadores.

Volta a Rede de Músicas Soltas a Redondela, unha cita mensual coas mellores músicas populares contemporáneas galegas e peninsulares, nun programa regular para presentar os traballos de artistas en activo. A Rede pretende ser un escaparate para o público ver nun palco achegado e en acústico a presentación dos últimos discos de Eliseo Parra, Guadi Galego, Celina da Piedade, Alba María, Narf trio ou Alejandro Vargas. Pequenos formatos para o acolledor espazo do Auditorio da Xunqueira, no corazón da vila dos viadutos. Trátase dun ciclo promovido polo concello de Redondela e organizado por aCentral Folque.

Está oficialmente aberto o período de inscrições para os grupos, de todos os géneros musicais, portugueses ou estrangeiros, que pretendam integrar a bolsa de espectáculos da 19ª edição do OuTonalidades, circuito de música ao vivo que vai decorrer no Outono de 2015 em Portugal. Os grupos galegos têm até o 16 de fevereiro para se apuntar, mais devem estabelecer um intercâmbio com o circuíto organizando atuações de algum grupo português na Galiza.

A asociación ponteareana Rock in Río Tea pon en marcha a segunda edición do Concurso de Bandas que leva o seu nome. A primeira parada terá lugar este sábado 17 de xaneiro, a partir das 00.00h, no pub da mesma vila JJ Copas, escenario do propio Concurso. Alí desvelaranse os nomes das oito bandas que competirán nesta segunda edición. Haberá ademais música da man de Lady Chatarra, unha das formación participantes na edición do ano pasado. O Concurso terá lugar entre o 21 de febreiro e o 11 de abril deste ano.

Onte, luns 12 de xaneiro, pola mañá presentábase a plataforma Compostela, Territorio Musical. Constiuída polo de agora pola asociación de Músicos ao Vivo, a AC Cidade Vella e a AC San Martiño Pinario, busca defender a música ao vivo nos locais da cidade, nomeadamente da zona vella, acosados por leis e regulamentos que pretenden afogar a música. Le no interior o seu manifesto.

Nos anos 70 -cando menos- na equipaxe dalgúns dos mariñeiros galegos que andaban ao Gran Sol ou ao Canario-Sahariano coáronse as gaitas. Armados coa instrumentación tradicional, pasaban os poucos momentos de solaz que dá o traballo no mar montando a festa nos barcos, no medio do océano, ou en terra, cando aportaban en Casteltón, Galbai, Las Palmas ou mesmo Valbis Bay ou San Pier de Miquelón, portos doutras latitudes e outros caladoiros. A eses Gaiteiros do Mar réndenlles homenaxe mañá sábado 3 en Vilariño, no Hío (Cangas), en sesión vermú a partir das 12 da mañá. Todo dentro da presentación do libro "Contos do Mar de Irlanda", de Xurxo Souto, descubridor para os "terrícolas" desta e doutras historias do noso mar.

AO VIVO

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.