O 25 de abril terá lugar a gala da II Edición do Certame de Canción de Autor en Galego "Concello de Teo". Sofía Espiñeira, Laura Iglesias, Noé Subiela, Isis, Pilar Martínez, Lucía da Fonte, Sandra Tenreiro e Umbra son as propostas escollidas polo xurado, formado -entre outros- por Xoán Curiel, director artístico do certame ou Najla Shami. O xurado alabou a grandísima calidade das propostas presentadas nesta segunda edición do certame do concello teense.
Ler máis: Xa se coñecen os finalistas do Certame de Canción de Autor de Teo
Até o 26 de abril podes votar na web dos Premios da Música Independente entre as distintas propostas finalistas das doce categorías sometidasá votación popular nestes premios. No que atinxe á música galega, as bandas finalistas no apartado de mellor álbum en galego de 2014 son Guadi Galego, Xoán Curiel, Why Go, Terbutalina e Sub Rosa. Os gañadores daranse a coñecer o 11 de maio nun acto en Madrid.
Ler máis: Aberto o prazo de votacións nos Premios da Música Independente
Fixemos 3 anos e imos celebralo da maneira máis lóxica para nós. Concerto e festa rachada! Será o 25 de abril no Aturuxo de Bueu, cos 3 Trebóns e A Familia Caamagno ao vivo no escenario do histórico local de Bueu. As entradas custan 6€ en adiantada e 8€ en billetaría. E se es unha das primeiras 30 persoas en mercar entrada adiantada, tes regalo seguro: unha camisola de GZmúsica.
O Cantautor punk de Matamá Leo i Arremecághona é o protagonista dunha nova sorprendente. Un vídeo dunha súa actuación en Compostela subido hai uns días á rede valeulle o recoñecemento como a mellor versión dos Clash de todos os tempos, por parte dos propietarios dos dereitos de todas as cancións dos Clash, unha multinacional anglosaxoa. O Seu Vil-Lingüismo Harmónico, cover do Should I Stay, Should I Go, foi o responsable. No que semella unha manobra de marketing ao mellor estilo "Enrique Iglesias", prevese desembarco no país de inxentes cantidades de punks cincuentóns de todo o mundo.
Ler máis: Vil-Lingüismo Harmónico, do Leo, escollida mellor "cover" dos Clash
O vindeiro mércores 1 de abril presentarase en Monforte o libro+CD sobre a figura de Amadeo Goyanes Vázquez. Unha investigación a fondo sobre un dos precursores do rexurdimento da zanfona no noso país, levada a cabo por Pablo Quintana. O dúo formado poloss galegos Óscar Fernández, zanfona, e Carlos Quintá, acordeón, e mais a actuación da canadense Tobie Miller, por vez primeira na Península, amenizarán o acto.
Ler máis: O libro "Amadeo Goyanes e as Zanfoneiras de Monforte" preséntase mércores 1
Sábado 7 de marzo, o Transylvania Pub de Vigo acolleu a Festa Presentación dos videoclips do proxecto Mulleres Galegas Kañeras. Despois de case un ano de traballo, máis de 30 mulleres participaron neste proxecto que busca visibilizalas dentro do rock, ámbito -como a inmensa maioría da nosa sociedade- fondamente masculinizado. Tras acadar os fondos precisos mediante un Verkami o pasado verán, metéronse no estudio para gravar temas e vídeos. Aquí podedes ver os dous videoclips realizados.
Ler máis: Mulleres Galegas Kañeras presentan "Somos" e "MGK"
A maioría das persoas que gostamos da música galega -até moitxs que nin iso- temos cantado nalgunha ocasión o Falemos galego. Inmortalizada por Suso Vaamonde ou A Roda, esta composición adoita ser das máis escoitadas en sobremesas e festas varias do país. A pasada fin de semana estivemos en Bon a escoitar o tema, que malia pertencer xa ao acervo popular realmente é de José Diz, membro da comparsa Os Mulos de Bueu. Aquí os están, Os Mulos de Bueu mais a comparsa Vou nun bou, interpretando este clásico da nosa música.
O IES da Pobra do Caramiñal botou a andar por terceiro ano a iniciativa 21 Días co galego. Desenvólvese no instituto do 23 de febreiro ao 15 de marzo de 2015 e este ano vai estar dedicado á presenza do galego na rede. Que son os 21 Días co Galego? Esta experiencia pioneira, que está a piques de iniciar a súa terceira edición, nace en 2013 e está destinada a conseguir unha maior competencia en galego e unha mellor conciencia lingüística a través de diferentes actividades que pretenden levar a lingua alí onde nunca estivo na vida de moito do alumnado e profesorado. Temos a honra de os organizadores contaren connosco para os 21 Días co galego deste ano... Aquí vos queda o vídeo que lles mandamos!! Ah, e se che interesa coñecer máis sobre a iniciativa, non deixes de visitar o seu blogue, 21diascogalego.blogspot.com