Cambados acolleu a cea na que se fixeron públicos os nomes das propostas finalistas dos Premios Martín Códax. Precisamente foi nas adegas que dan nome ao premio onde se souberon os 54 finalistas, entre os que GZmúsica ten a sorte de estar, na categoría de Espazos de Comunicación, xunto aos compañeiros do Planeta Furancho e Tres Peixes Voando. Para o celebrar, nada mellor que botarlle unha escoita aos grupos que pasaron a esta rolda final.
Ler máis: Escoita os finalistas dos Premios Martín Códax da música
Primeiro debate despois do verán en Galiza Ano Cero TV, centrado desta volta no rock galego. Co Bravú como temática transversal, mais con reflexións sobre o papel dos medios públicos ou da rede na difusión da música, sobre o mundo das orquestras, sobre o machismo na música, etc. Oitenta e cinco minutos de parolada aberta, sen censuras e altamente clarificadora sobre algúns aspectos relevantes da música galega dos últimos 20 anos. O debate foi moderado por Antón Gómez, baixista dos Ulträqäns, e nel participaron os músicos María José Pérez, Xurxo Souto, Lydia Botana, Seném Outeiro e o xornalista Rodri Suárez.
O cantante dos Diplomáticos Xurxo Souto vén de gañar un Premio Ondas. Os galardóns concedidos pola Cadena SER pasan por ser os de maior prestixio na radio a nivel estatal. O Souto levou o premio á mellor cobertura informativa dentro dos Premios de radio polo seu labor no Ponte nas Ondas, no que participan desde 1995 colexios e radios das dúas beiras do Miño. Os Ondas, que premian programas televisivos, de radio, publicidade ou música a nivel estatal -incluso con varios premios internacionais- apenas deu un premio nas linguas peninsulares distintas do español, o de Souto. Estes foron os 61º Premios Ondas e serán entregados nunha gala que se celebrará no Gran Teatre del Liceu de Barcelona o vindeiro 25 de novembro.
GZmúsica TV comeza a emitir en internet a súa 2ª Temporada. 14 programas, gravados en festivais este verán, que iremos subindo semanalmente nos vindeiros 3 meses. Ademais, por vez primeira o noso programa conta con publicidade. Queremos seguir adiante con GZmúsica TV no 2015 e para iso precisamos facer sustentable o proxecto. E niso estamos. Aínda estás a tempo de botar un cabo!!
A segunda edición dos Premios Galegos da música xa botou a andar. Até o 19 de outubro está aberto o prazo para se apuntar nalgunha das categorías e xa son case 200 as propostas presentadas. Esta segunda edición chega cunha reestruturación nas categorías, pasan de 13 a 15 as dedicadas aos grupos e engádense os Premios Organistrum, con 3 categorías, salas, festivais e medios de comunicación -na que nos animamos a participar desde GZmúsica-, para continuar o seu labor de recoñecer a diversidade e calidade de propostas musicais feitas en Galiza e axudar desde a música a facer país.
Ler máis: II Premios Martín Códax, até o 19 aberto o prazo para as propostas se inscribiren
Chantada homenaxea o Bravú. Mañá sábado haberá unha outra homenaxe aos XX anos do Bravú. Mais non vai ser unha cousa calquera. A vila que veu agromar hai vinte anos o movemento Bravú aquela agora un evento para celebrar o vixésimo aniversario dese nacemento "oficial", no Castañazo Rock de 1994. Un feixe de actividades arredor do xérmolo destes 20 anos de rock en galego. Palestras, concertos e até a colocación dunha placa conmemorativa no Caballero de Viana, tasca que acolleu a elaboración do Manifesto de Viana que deu identidade ao movemento.
A estrea será mañá mércores 13, ás 22:30h, co programa dedicado ao Festival Reperkusión. Durante 13 semanas, os mellores festivais de música do verán galego darán o salto á pequena pantalla da man de GZmúsica. O programa emitirase inicialmente en Localia Vigo, sintonizable no sur da provincia de Pontevedra na TDT, e en R Televisión, na canle 135, en toda Galiza. Ao longo dos vindeiros días confirmaremos os horarios de emisión nestoutras cadeas locais galegas: Nós TV, Canal Rías Baixas, TeleCoruña e TeleFerrol.
A 11ª edición do Festival de Cans serviu de marco á presentación do Ano Bravú, actividades arredor do 20º aniversario do movemento Bravú. O Xurxo Souto fala nunha leira de Cans sobre o proxecto e todo o que se está a desenvolver arredor. Aparición estelar dun membro de GZmúsica, que colabora no blogue que será o punto de información de todas as novidades deste Ano Bravú.